Nova: Nadal cheo de actividades na Biblioteca Anxel Casal

15/12/2014

Nadal cheo de actividades na Biblioteca Anxel Casal

Os museos e bibliotecas públicas acollerán máis de 70 iniciativas durante estas festas

  • Os Musicreques levarán As aventuras de Crebanoces a Biblioteca Ánxel Casal

Santiago, 15 de decembro de 2014.- Inicíase hoxe o calendario de actividades de Nadal na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, no marco da ampla programación que organiza o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad nestas datas, con máis 70 actividades nos museos e bibliotecas que del dependen en toda a xeografía galega.

Ata o vindeiro día 19 a biblioteca compostelá ten instalada en Área Central BiblioNadal, un posto no que se subministrará información sobre os servizos e colección da Ánxel Casal. Ademais, ofreceranse diferentes obradoiros e contacontos para os máis novos da casa, así como a campaña Quitapenas, a través da que todos os usuarios que o desexen poderán ‘liberarse’ das sancións polo retardo en devolver os préstamos achegando os produtos alimenticios e hixiénicos incluídos na lista que publicará a biblioteca no seu web e no seu perfil de Facebook. Todo o recadado entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro irá destinado ao Banco de Alimentos, á Cruz Vermella e a Cáritas de Santiago de Compostela.

Asemade, desde hoxe ata o 30 de decembro poderá visitarse na biblioteca a exposición ‘Títeres de África’, na que se recolle o teatro tradicional de monicreques deste continente; e ata o 31 deste mes a mostra bibliográfica Pesadelo no Nadal: os malos do conto, na que se expoñen os materiais infantís máis destacados da Ánxel casal que teñen como temática estas datas.

Obradoiros e contacontos
A programación de obradoiros comezará o 17 de decembro con Crea o conto multimedia do Apalpador, no que se empregará a plataforma online Mydocumenta para elaborar contidos arredor desta mítica figura. Para poder participar nesta actividade dirixida a nenas e nenos de 7 a 10 anos, que se celebrará tamén o día 22, haberá que facer inscrición previa no teléfono 881 999 401 ou no mostrador da propia biblioteca. Xa nestes próximos días desenvolverase tamén un obradoiro de origami ‘Árbores de papel’ (23 de decembro), técnica xaponesa de papiroflexia que impartirá a alumna en prácticas do IES Pontepedriña Silvia Codesido, dirixida a nenas e nenos de 9 a 14 anos.

Así mesmo, o sábado 20 chegará á biblioteca o contacontos As aventuras de Quebranoces, a cargo da Asociación Musical Musicreques, para nenas e nenos de 3 a 10 anos, no marco do programa da Consellería Ler conta moito. O día 27 será a quenda dun contacontos interpretado na lingua de signos, para nenas e nenos de 6 a 12 anos, para o que se contará coa colaboración da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.

Comparte