Nova: A Xunta inviste preto de 350.000 euros na restauración do convento-igrexa de San Francisco de Betanzos

22/10/2020

A Xunta inviste preto de 350.000 euros na restauración do convento-igrexa de San Francisco de Betanzos

A directora xeral de Patrimonio Cultural e o delegado da Xunta na Coruña visitaron hoxe o templo para comprobar o avance das obras

O obxectivo da actuación é resolver os problemas pola entrada de auga e falta de ventilación neste Ben de Interese Cultural

 

Betanzos (A Coruña), 22 de outubro de 2020.- A directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, comprobaron hoxe o avance das obras de restauración que o Goberno galego no convento-igrexa de San Francisco de Betanzos. Cun investimento de preto de 350.000 euros, a actuación ten como obxectivo reducir os efectos da humidade pola entrada da auga en varios puntos da cuberta e pola falta de ventilación dos pes dos muros neste Ben de Interese Cultural.

As actuacións desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en San Francisco de Betanzos céntrase, fundamentalmente, na mellora do illamento do convento-igrexa. Para iso prográmase o cambio da cuberta por unha nova composta por pranchas de fibrocemento sen amianto e tella cerámica curva e o deseño dun novo trazado da rede de evacuación de pluviais; ademais da revisión do sistema de drenaxe e a análise das pezas de madeira lesionadas do soporte da cuberta, co obxecto de establecer unhas pautas de actuación rigorosas sobre o resto do sistema.

Con esta mesma finalidade de evitar a entrada de humidade no inmoble, a restauración inclúe a impermeabilización dos encontros e puntos singulares con chumbo, o repaso dos rexuntados e a colocación de novas pezas na cornixa.

A rehabilitación contempla, así mesmo, a substitución dos cristais rotos ou perdidos das vidreiras e o repaso xeral do seu selado, así como o saneamento do conxunto dos lenzos de cantaría e a limpeza da vexetación.

O convento-igrexa de San Francisco de Betanzos é un edificio histórico e un dos mellores exemplos do gótico mendicante franciscano da península, destacando na súa tipoloxía o seu papel funerario. Foi fundado en en 1385 pola orde franciscanos, e máis adiante, converteuse no panteón da súa estirpe. Este edificio está considerado como Ben de Interese Cultural a protexer por formar parte do patrimonio de todos os galegos.

 

Comparte