Nova: O delegado territorial da Xunta en Ourense visita Santo Estevo de Ribas de Sil cuxas obras acaban de ser adxudicadas
03/11/2020
O delegado territorial da Xunta en Ourense visita Santo Estevo de Ribas de Sil cuxas obras acaban de ser adxudicadas
Acompañado polo alcalde, César Parente, fixeron un percorrido polos arredores do templo e técnicos da empresa adxudicataria explicáronlle polo miúdo as accións a desenvolver no proxecto
Promovidas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o proxecto contempla un investimento de preto de 300.000 euros e un prazo de execución previsto de tres meses
A igrexa de Santo Estevo de Ribas do Sil, que conta coa distinción de Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento, constitúe un dos exemplos de arquitectura románica máis relevantes desta zona que opta a ser declarada Patrimonio Mundial en 2021
Ourense, 3 de novembro de 2020.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil, no concello de Nogueira de Ramuín, cuxas obras acaban de ser adxudicadas por preto de 300.000 euros. Acompañado polo alcalde, César Parente, despois dunha reunión mantida na Casa do Concello, fixeron un percorrido polos arredores do ben e, técnicos da empresa adxudicataria, explicáronlle polo miúdo as accións a desenvolver no proxecto.
As actuacións que se levarán a cabo no templo permitirán solucionar os importantes problemas de conservación e mantemento co fin de evitar o seu deterioro. Así, os traballos centraranse en resolver patoloxías derivadas das filtracións de auga, da falta de ventilación e dos problemas de capilaridade na base dos muros.
Concretamente, a intervención contempla a limpeza e reparación das filtracións de auga na terraza entre as torres mediante a súa impermeabilización, a limpeza e mellora do rexuntado con morteiro de cal nas fachadas e a reparación das sopenas de remate na cuberta. O proxecto de restauración tamén inclúe a impermeabilización da fachada sur, o acondicionamento e restauración da antesancristía e sancristía e a mellora da ventilación das fiestras e óculos.
Promovidas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o proxecto contempla un prazo de execución previsto de tres meses permitindo poñer en valor este elemento situado ao carón do Parador de Santo Estevo, o que supón un importante reclamo cultural e turístico para o concello ourensán de Nogueira de Ramuín.
Aposta decidida polo Patrimonio
O templo de Santo Estevo de Ribas do Sil, que conta coa distinción de Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento, constitúe un dos exemplos de arquitectura románica máis relevantes desta zona, e forma parte dun territorio de importante valor cultural, arquitectónico e paisaxístico que opta a ser declarado Patrimonio Mundial pola Unesco en 2021, unha candidatura que se basea, en boa medida, no gran patrimonio arquitectónico que se concentra neste territorio, o que o converte nunha testemuña excepcional da cristianización do Occidente de Europa que chega até os nosos días.
Así, co obxectivo de conservar este legado, a Xunta ten en marcha o vén de rematar varias intervencións de especial interese desde o punto de vista do patrimonio cultural entre as que se inclúe a restauración desta igrexa ou outras como Santa Cruz do Incio, Santo Estevo de Atán, San Vicenzo de Pombeiro ou Santo Estevo de Ribas do Miño, entre outros.