Nova: Programación infantil na Cidade da Cultura con pallasos contemporáneos e obradoiros
20/12/2014
Programación infantil na Cidade da Cultura con pallasos contemporáneos e obradoiros
O Museo Centro Gaiás acollerá a comedia Teatre Móbil, obra protagonizada por tres pallasos contemporáneos e nominada a mellor espectáculo nos premios Zircólika de Circo de Cataluña
A programación infantil desta semana complétase cos obradoiros ‘Cine de plastilina’ e ‘O meu videoclip’ e as visitas familiares á exposición ‘Cinegalicia25’
Ata o 6 de xaneiro, o Museo Centro Gaiás conta cun punto solidario de recollida de xoguetes que Cáritas repartirá entre as familias que máis o precisen
Santiago, 20 de decembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva teatro para nenos ata o Gaiás coa obra ‘Al Tun Tun’, unha divertida comedia a cargo de tres pallasos contemporáneos. Será o sábado, 27 de decembro, a partir das 18 horas, no Museo Centro Gaiás.
Un escenario, tres comediantes e un mundo onde todo é posible. Esta é a proposta que ofrece Teatre Móbil con ‘Al Tun Tun’, unha obra de teatro chea de humor exquisito, absurdo e cun surrealismo deliciosos que deixará coa boca aberta a grandes e pequenos.
Cunha linguaxe teatral que bebe directamente da máis pura tradición dos pallasos, Teatre Móbil ofrece un abanico de sorpresas. Unha escaleira, un atril, un restaurante, unha rodaxe de cine, unha lenda irlandesa… Imaxes e situacións adversas para facernos pensar, pasar un bo rato e escachar coa risa e que lle valeron a nominación ao Mellor Espectáculo de Pallasos nos primeiros Zicólika de Circo de Cataluña.
As entradas para ‘Al Tun Tun’ están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e www.servinova.com (+gastos de xestión) a un prezo de 8€ na zona A e de 6€ na zona B.
Durante esta semana que entra, a Cidade da Cultura acollerá outros dous obradoiros creativos pensados para que nenos e pais interactúen. O luns, 29 de decembro, será nunha cita co sétimo arte a través do obradoiro ‘Cine de plastilina’. Coincidindo co 25 aniversario de ‘Sempre Xonxa’, a xa mítica película de Chano Piñeiro e pioneira do cinema galego, os participantes –a partir de 9 anos- modelarán en plastilina e darán vida aos seus personaxes para crear unha película en stop motion. O 30de decembro, pais e nenos a partir de 6 anos están chamados a realizar o seu videoclip do 2014.
Os dous obradoiros comezarán ás 16:30 horas e, a excepción de ‘A árbore das ilusións’ que é de balde, teñen un custo de 3 euros. As entradas xa están á venda en www.servinova.com (+gastos de xestión) e no Punto On da Cidade da Cultura.
Os Pinker Tones, no Gaiás
‘Nadal no Gaiás’ arranca este domingo co musical infantil ‘Rolf & Flor no Círculo Polar’ da banda The Pinker Tones. Será a partir das 18 horas, cando nenos e maiores bailen no Museo Centro Gaiás ao son dunha das bandas de música electrónica máis recoñecidas do momento.
O espectáculo musical baséase nas aventuras de Rolf & Flor, dous divertidos personaxes que, tras coñecerse no Caribe, reencóntrase agora en latitudes máis frías para vivir aventuras ao ritmo de temas xa coreados entre os nenos como ‘La canción de Mario’ ou ‘Aurora Boreal’.
Tras ser definido como o “Sgt. Pepper’s dos discos dos nenos” e pasar por festivais como SónarKids, Animac ou Minimúsica; Míster Furia (voz, harmónica, melódica, kazoo e ukelele), Profesor Manso (percusión, glockenspiel e voz) e DJ niño (guitarra e voz) chegan ao Gaiás con este espectáculo acústico para toda a familia. As entradas xa están á venda no Punto On e www.servinova.com a un prezo 6 euros (máis gastos de xestión en servinova).
Visitas familiares a ‘Cinegalicia25’
Durante as fins de semana de Nadal tamén é posible descubrir a exposición ‘Cinegalicia25’ dunha outra forma. Nenos e pais descubrirán como cobran vida os seus debuxo favoritos, como se fai unha película ou que segredos se agochan tras as cámaras nunha visita cargada de sorpresas. As visitas familiares a ‘Cinegalicia25’ terán lugar todos os sábados e domingos ata o 4 de xaneiro, sábados ás 17:00 horas e os domingos ás 11:30 e 17:00 horas. A entrada é de balde mais é preciso preserva previa en www.cidadedacultura.org.
Punto solidario de recollida de xoguetes
O Museo Centro Gaiás ten habilitado ata o 6 de xaneiro un punto solidario de recollida de xoguetes para todas aquelas persoas que desexen contribuír a que os que máis o precisen pasen unhas felices festas. Os xoguetes serán recollidos por Cáritas, que se encargará de repartilos durante estas datas.