Nova: Oito agrupacións participan no Festival Internacional Rebulir de baile e música tradicional
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
19/12/2014
Oito agrupacións participan no Festival Internacional Rebulir de baile e música tradicional
Catro compañías galegas comparten carteleira con outras catro formacións doutros puntos de España, Portugal e Senegal
Ourense, 19 de decembro de 2014.- O IX Festival Internacional Rebulir (FIR) de baile e música tradicional desenvolverase o sábado, día 20 de decembro, na localidade ourensá de Ramirás coa participación de oito agrupacións de distintas procedencias. Os grupos galegos Rebulir (Ramirás), Escola Xirondiña (Pontedeva), A Pontevella (Teo) e Puntada sen fío protagonizan esta cita ourensá xunto con outras catro formacións doutras comunidades españolas, Portugal e Senegal.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou hoxe na rolda de prensa do festival, na que explicou que o FIR un dos eventos folclóricos subvencionados polo departamento autonómico dirixido por Xesús Vázquez. Ademais, o Goberno galego tamén apoia á asociación Rebulir -organizadora deste certame- a través de subvenvións concedidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Rogelio Martínez compartiu o acto co vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Ramirás, Pilar Otilia López; e o coordinador de actividades da Asociación Rebulir, Alexandre Sotelino. O máximo representante do Goberno galego en Ourense desexoulles éxito aos organizadores do festival dedicados dende hai nove anos ao labor de achegar o folclore aos veciños de Ramirás, e por extensión, da provincia de Ourense.