Nova: A Xunta adxudica as obras de restauración da igrexa de Santo Estevo de Negros no concello de Redondela

21/01/2021

A Xunta adxudica as obras de restauración da igrexa de Santo Estevo de Negros no concello de Redondela

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, visitaron hoxe o templo

A intervención conta cun orzamento de máis de 55.000 euros co obxectivo de resolver os problemas de estanqueidade e ventilación do templo, ben catalogado

A actuación nesta igrexa do século XIX enmárcase no importante compromiso do Goberno galego para poñer en valor o patrimonio cultural da Comunidade

Redondela (Pontevedra), 21 de xaneiro de 2021.- A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras de restauración de Santo Estevo de Negros no concello de Redondela, tal e como anunciaron hoxe a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, nunha visita ao templo. Unha intervención que, detallaron, ten como obxectivo resolver os problemas de estanqueidade e ventilación deste templo, que data do século XIX e ten consideración de ben catalogado.

Así, cun orzamento de máis de 55.000 euros, as obras que se levarán a cabo inclúen o cambio completo de cuberta da nave da igrexa. No caso da cubrición do cabildo, ademais de renovala, modificarase a súa pendente, co fin de mellorar a evacuación de augas pluviais. Así mesmo mudaranse as fiestras por outras novas con perfís de aceiro inoxidable mate que incorporen ventilación permanente. A actuación inclúe tamén a substitución da marquesiña de chapa metálica do acceso á sancristía por unha nova con estrutura de madeira e tella.

Con esta restauración a Consellería de Cultura, Educación e Universidade porá solución a algúns dos problemas derivados da última intervención neste ben, no ano 2002, cando se substituíron todas as cubertas e se construíu un cabido sobre columnas cadradas, cuxa cuberta foi executada con menos pendente da orixinal, que resultou moi escasa para a correcta evacuación das augas de choiva. Ademais, as solucións de cubrición adoptadas naquel momento resultaron non ser axeitadas.

A maiores de resolver a entrada de auga e a ventilación, o fin último desta obra que se porá en marcha nas vindeiras semanas é a posta en valor deste ben para que poida ser empregado como recurso para o desenvolvemento sustentable e a promoción sociocultural, laboral e económica do ámbito territorial no que se atopa, aplicando criterios e políticas de actuación que persigan, ademais, o desenvolvemento local, a creación ou promoción do emprego e o respecto polo medio ambiente.

Aposta decidida en Patrimonio

A actuación levada a cabo en Redondela enmárcase no importante compromiso por parte da Administración autonómica desde o punto de vista do patrimonio cultural. Así, nos últimos meses puxéronse en marcha diferentes actuacións na provincia de Pontevedra entre as que se inclúe, ademais da igrexa de Santo Estevo de Negros, a restauración da igrexa de Santa María de Baiona, rematada recentemente e que contou cun investimento de 455.000 euros, ou a rehabilitación da igrexa do mosteiro de Santa María de Oia, prevista para este ano.

Comparte