Nova: Actividades especiais de Nadal na Biblioteca pública de Ourense
26/12/2014
Actividades especiais de Nadal na Biblioteca pública de Ourense
Literatura medieval, obradoiros creativos e realización de curtas agardan os pequenos e as pequenas nesta segunda semana de vacacións de inverno
Santiago, 26 de decembro de 2014.- Os máis pequenos e pequenas da casa contarán cunha programación especila na Biblioteca Pública de Ourense nesta segunda semana de vacacións de Nadal, no marco da ampla oferta de actividades que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad preparou para estas datas. De feito, o calendario conta con máis de 70 accións nos museos e bibliotecas que del dependen nas catro provincias galegas ata pasado o día de Reis.
Así, os día 29 e 30 de decembro e 2 de xaneiro ‘Martiño alumea o medievo’ achegará ás nenas e nenos de 7 a 12 anos á literatura medieval, en sesións que se celebrarán na Sala infantil ás 11,30 horas. Para os rapaces de máis de 12 anos, hai preparado un obradoiro creativo no que Xes Chapela ensinará a producir curtametraxes a partires de textos da biblioteca. ‘Libros, imaxes e curtametraxes’ desenvolverase os días 27, 29 e 30 na sala de actividades do segundo andar.
Ademais, os cativos entre 5 e 7 anos, poderán gozar o día 30 ás 18 horas de ‘O chacal e o Ourizo. Conto con Kamishibai’, onde Xosé Carlos emprega a técnica xaponesa que se basea en láminas de papel que teñen por unha cara a historia escrita e pola outra os debuxos que a ilustran. A narración realízase colocando as láminas en orde nun teatriño de 3 portas coas imaxes de cara aos espectadores e deslizándoas segundo vai transcorrendo o conto.