Nova: Román Rodríguez avoga por camiñar da man da sociedade no fomento do uso da lingua galega entre as xeracións máis novas
21/02/2021
Román Rodríguez avoga por camiñar da man da sociedade no fomento do uso da lingua galega entre as xeracións máis novas
- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participou nos actos do Día Internacional da Lingua Materna, que se celebra hoxe en todo o mundo
- A Xunta conmemora esta efeméride xunto coa xornalista Esther Estévez e cunha proposta familiar emitida en streaming desde a Cidade da Cultura
- A iniciativa de Baobab Teatro inclúe cantos, contos e xogos dirixidos a nenos de entre 1 e 7 anos
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2021.- A Xunta de Galicia conmemora hoxe o Día Internacional da Lingua Materna −que este ano ten como lema o multilingüismo para a inclusión no eido educativo e na sociedade en xeral− cunha serie de propostas lúdicas e didácticas dirixidas ao público máis novo que se ofrecen en streaming e de balde desde a Cidade da Cultura de Galicia.
Con motivo desta efeméride que a UNESCO estableceu en 1999, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, achegouse ao Gaiás para participar en directo nesta retransmisión aberta e darlle a benvida a todos os nenos que, xunto coas súas familias, participan no evento.
Na presentación, na que tamén participou a xornalista Esther Estévez, Román Rodríguez subliñou que a diversidade lingüística “enriquece a humanidade” e que o seu futuro só se pode asegurar “garantindo a continuidade e a transmisión familiar”. Deste reto non escapa o idioma galego que, aínda que é empregado por máis de 3 millóns de persoas e está incorporado ao sistema educativo, é necesario preservar a súa transmisión familiar, sobre todo no que atinxe ao seu uso por parte da xente moza e especialmente nos contextos urbanos. Unha tarefa que, en palabras do conselleiro, “debemos abordar todos xuntos, familias e gobernos; a sociedade xeral e os seus representantes políticos”.
Así mesmo, o conselleiro emprazou ás familias a seguir apostando polo galego como idioma nas relacións familiares, ao tempo que desde a Administración se lle dá seguridade xurídica en todos os eidos (educativo, laboral e social) e se fomenta o seu uso a través de materiais e espazos “para vivir e educar en galego”.
Nesta ocasión, a Xunta conmemora esta efeméride cunha actividade de dinamización lingüística emitida en streaming desde a Cidade da Cultura de Galicia, con acceso libre e gratuíto desde a Axenda de Cultura de Galicia. Trátase de Puño, puñete, de Baobab Teatro, unha orixinal proposta dirixida a nenos e nenas de entre 1 a 7 anos e ás súas familias, que está orientada a ofrecerlles a esta recursos para cantar e contar en galego cos seus fillos e fillas. Ao mesmo tempo, combinando rimas, as cantigas e os contos, convida a cativada a descubrir un mundo de sensacións e de emocións a partir do xogo tradicional: “-Puño, puñete, que tes por dentro? Pan e fermento! -Puño, puñete, que tes por fóra? -Pan e cebola!”.
O idioma como riqueza
Durante o acto, Román Rodríguez referiuse especificamente ao uso do galego no sistema educativo, onde a día de hoxe está en condicións de igualdade co castelán, respectando a Lei de Normalización Lingüística e sen renunciar á aprendizaxe doutras linguas estranxeiras. “Esta é a proba de que os idiomas non compiten entre si, senón que a adquisición dunha lingua favorece e alimenta a aprendizaxe das seguintes e abre oportunidades de crecemento persoal, social e laboral”, abondou o conselleiro.
Así mesmo lembrou que por primeira vez en 2019, a enquisa sobre uso do galego do Instituto Galego de Estatística (IGE) mostrou un incremento na porcentaxe de persoas novas que fala o galego, tanto no tramo de idade que vai dos 5 aos 14 anos como no que vai dos 15 aos 29. “Se a isto lle sumamos os datos sobre coñecemento do idioma, que apuntan a que hoxe en día temos a xeración mellor formada en galego da historia, coido que podemos dicir que temos unhas bases sólidas sobre as que continuar traballando para garantirmos o futuro da lingua”, explicou Román Rodríguez.
Promoción do plurilingüismo e diversidade cultural
O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en 1999 e celébrase anualmente desde o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. A Xunta de Galicia vén sumándose a esta celebración desde o ano 2010, contextualizándoa na nosa comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua materna.