Nova: Novas axudas para mellorar o equipamento e os locais culturais dos concellos

15/01/2015

Novas axudas para mellorar o equipamento e os locais culturais dos concellos

A liña de subvencións, dotada con 300.000 euros, ten como obxectivo favorecer as condicións nas que se desenvolve a programación cultural das corporacións locais e das súas entidades públicas

  • Novas axudas para mellorar o equipamento e os locais culturais dos concellos Novas axudas para mellorar o equipamento e os locais culturais dos concellos

Santiago, 15 de xaneiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de subvencións dirixida a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas, con personalidade xurídica propia, así como a agrupacións de concellos para o equipamento e mellora das súas instalacións destinadas á realización de actividades culturais.

Nesta nova convocatoria de axudas, a Consellería destina un total de 300.000 euros a dotar do equipamento e das condicións técnicas necesarias os espazos nos que se vén desenvolvendo programación cultural, como equipamento audiovisual e escénico, material de iluminación e son, equipamento xeral de sala, novas tecnoloxías e sistemas de prevención e seguridade, xunto con accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e á supresión de barreiras arquitectónicas.

Os concellos e entidades públicas con personalidade xurídica propia que desexen acollerse a esta orde poden presentar a correspondente solicitude ata o vindeiro 16 de febreiro. A axuda máxima por beneficiario que se concederá será de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 75 % do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe ascenderá a 35.000 euros cando se trate de solicitudes conxuntas presentadas por máis dunha entidade local baixo a fórmula de agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar.

A liña de subvencións, que é susceptible de confinanciamento con Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, por medio do programa operativo Feder (2007-2013), inclúe os equipamentos e dotacións realizados desde o 1 de xaneiro de 2015 ata a data límite de xustificación da orde.

Na resolución das axudas de 2014, dotadas tamén con 300.000 euros, resultaron beneficiados máis de 50 proxectos municipais de todas Galicia, de concellos como Narón, Outeiro de Rei, Redondela, Carballo, As Neves, Malpica, Valga, A Guarda, Ribas de Sil, Arteixo, Boborás, O Carballiño, Ferrol, Nogueira de Ramuín, Rodeiro, Porto do Son, Culleredo, Monterroso, Ribeira, Maceda e Zas.

Desenvolvemento cultural en toda Galicia
No ámbito das corporacións locais e das súas entidades públicas que desenvolven un labor cultural, a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación, dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, vén publicando esta liña de axudas para a mellora das condicións de equipamento e a mellora das condicións técnicas dos locais destas entidades co fin de abrir a súa programación de actividades aos novos campos da cultura e de contribuír ao desenvolvemento cultural en toda Galicia. 

Comparte