Nova: Encontro para os docentes do programa de dinamización lingüística Dragal
15/01/2015
Encontro para os docentes do programa de dinamización lingüística Dragal
A Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolve o programa este curso en 11 centros educativos das catro provincias con participación de 659 alumnos e alumnas, e de 55 docentes
Trátase dunha iniciativa multimedia e multidisciplinar con base na triloxía do mesmo título que busca promover a lectura, a creación e a investigación en galego
O encontro do profesorado participante, entre o que están os coordinadores do equipo de dinamización da lingua galega de cada colexio ou instituto implicado, celebrouse esta mañá no Centro Autonómico de Formación e Innovación situado en Santiago
Santiago, 15 de xaneiro de 2015.- Un total de 22 representantes dos 55 docentes que interveñen este curso na segunda edición do proxecto de dinamización lingüística Dragal participan hoxe no encontro organizado pola Consellería de Cultura e Educación no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para poñelos en contacto, informalos sobre o funcionamento das ferramentas de traballo con que conta o proxecto, entregarlles material e coordinar as tarefas para os dous vindeiros trimestres.
Proxecto Dragal
O encontro celebrado esta mañá en Santiago enmárcase nunha experiencia que a Consellería –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- está desenvolvendo por segundo ano en centros de educación secundaria das catro provincias galegas. Trátase do Proxecto Dragal, unha iniciativa multimedia con base na triloxía homónima de Elena Gallego Abad que promove a lectura, a creación e a investigación multidisciplinar en galego.
Se no primeiro ano participaron na experiencia sete CPI e institutos, este ano o programa esténdese a catro centros máis. Deste xeito, 659 e alumnas de primeiro e segundo da ESO do IES Rafael Puga Ramón da Coruña, CPI Virxe da Cela de Monfero, IES da Pobra do Caramiñal, CPI da Cañiza, IES Castro Alobre e IES Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, IES de Valga, IES Xesús Taboada Chivite de Verín, IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, IES Alfoz-Valadouro e IES de Becerreá participan este curso no Proxecto Dragal da man dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, encargada de coordinalos.
Tarefas para os próximos trimestres
Tras a lectura da primeira novela da triloxía, A herdanza do dragón, e da ambientación ou dragalización de cada centro educativo, o alumnado participante este ano no proxecto prepárase para recibir a escritora Elena Gallego, que visitará durante as dúas vindeiras semanas os CPI e institutos que interveñen este ano no proxecto. Os encontros rematarán cunha videoconferencia que poñerá en contacto o alumnado dos once centros Dragal. A partir de aí, sucederanse os traballos de análise, de pescuda e de creación arredor da temática da novela, traballos que se realizarán ou compartirán no wiki do proxecto.
Está previsto rematar o curso, igual ca na pasada edición, cun xogo de rol no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na triloxía Dragal.
Dinamización lingüística no ensino
O Proxecto Dragal forma parte das liñas de traballo da Consellería de Cultura e Educación para promover o uso do galego no ensino, xunto coas axudas aos equipos de dinamización da lingua galega, os proxectos de innovación en dinamización lingüística ou o programa Nós tamén creamos!
Pódese atopar información sobre todas estas convocatorias e programas no web da Secretaría Xeral de Política Lingüísticawww.lingua.gal.