Nova: Percorrido por Galicia a través das súas pontes

18/02/2015

Percorrido por Galicia a través das súas pontes

O Arquivo Histórico de Lugo acolle a exposición ‘Pontes, pontigos e pasares’, que reúne 67 fotografías destas construcións localizadas por toda a comunidade

A mostra, que se acompaña dunha escolma documental destas construcións da provincia, poderá visitarse ata o 1 de maio 

  • O Arquivo Histórico Provincial de Lugo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece un percorrido pola xeografía galega a través das súas pontes cunha exposición que reúne 67 imaxes destas construcións localizadas por toda Galicia. O Arquivo Histórico Provincial de Lugo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece un percorrido pola xeografía galega a través das súas pontes cunha exposición que reúne 67 imaxes destas construcións localizadas por toda Galicia.
  • O Arquivo Histórico Provincial de Lugo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece un percorrido pola xeografía galega a través das súas pontes cunha exposición que reúne 67 imaxes destas construcións localizadas por toda Galicia. O Arquivo Histórico Provincial de Lugo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece un percorrido pola xeografía galega a través das súas pontes cunha exposición que reúne 67 imaxes destas construcións localizadas por toda Galicia.

Lugo, 18 de febreiro de 2015.- O Arquivo Histórico Provincial de Lugo ofrece un percorrido pola xeografía galega a través das súas pontes cunha exposición que reúne 67 imaxes destas construcións localizadas por toda Galicia. ‘Pontes, pontigos e pasares’ é o título do novo proxecto expositivo do AHPL, que reflicte “un labor valioso na conservación de documentos e testemuños do que fomos e do que viviron e construíron os que nos precederon”, asegurou esta tarde o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que interveu no acto de inauguración da exposición xunto coa directora do arquivo, Dolores Pereira.

O enxeño dos devanceiros
“O seu contido –dixo– tráenos a lembranza de como nos integramos cunha paisaxe á vez acolledora e difícil e de como as mulleres e os homes aprenderon a descubrir posibilidades e a superar os obstáculos para os seus desprazamentos”. Ao fío disto, afirmou que “en Galicia fomos capaces de encontrar pasos seguros para actividades básicas e tamén solucións tecnicamente complexas para erguermos construcións sólidas”. “Estamos, polo tanto, ante o enxeño dos nosos devanceiros; ante os seus desenvolvementos técnicos e ante os seus desexos de chegar ao mundo e de permitir que se achegasen quen habitaban en puntos afastados”, explicou.

Fotografías das catro provincias
As dúas seccións coas que conta a mostra están dedicadas, por unha banda, á provincia de Lugo, con fotografías de Juan José, Vega e Loty, onde se atopan a maioría dos pontigos e pasares, ademais de incluír pontes propiamente ditas; por outra banda, ao resto de Galicia, con fotos de Loty, onde se recollen pontes das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra.

Da provincia de Lugo, hai imaxes, entre outras, da ponte romana da cidade de Lugo, da ponte da Chanca, da ponte de Monforte de Lemos, das pontes vella e nova de Portomarín, da de Navia de Suarna, da de Rábade, da ponte de Rinlo en Ribadeo ou da da Misericordia en Viveiro. Da provincia de Ourense, hai imaxes das pontes vella e nova sobre o Miño, da ponte de Lonia, ou da de Ribadavia; da provincia de Pontevedra, da ponte do Burgo, da ponte de ferro de Redondela, da ponte internacional sobre o Miño en Tui, da ponte do Lameira en Marín ou da ponte do Tea en Mondariz; mentres que da Coruña hai imaxes das pontes nova e vella sobre o Mandeo e sobre o Mendo en Betanzos, as de Pontedeume, tanto a vella como a de ferro, ou a ponte sobre o Sar en Padrón.

Os pontigos e pasares, están todos situados na provincia de Lugo: na Pontenova, na Fonsagrada, en Samos, en Doiras, nos Ancares ou en Foz.

Documentación sobre pontes lucenses
A exposición acompáñase dunha pequena escolma de documentos de pontes da provincia de Lugo, maioritariamente planos datados entre os séculos XVIII e XX, que se custodian no arquivo, un deles procedente do fondo do Concello de Lugo e, o resto, do fondo de Obras Públicas. En concreto, estes documentos fan referencia á ponte sobre o Miño, en Lugo; sobre o río Ouro, en Fazouro, e na ría de Fazouro; á ponte da Espiñeira, á ponte vella de Lugo, á ponte da Estrela, no río Eo; á ponte sobre o río Trabada, á ponte de Reme, á ponte de Rábade sobre o Miño e á ponte de Arriba sobre o río Ladra.

En relación ao traballo realizado do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, recordou “o importante papel que están a desenvolver os centros da rede arquivística de Galicia a prol da conservación, da difusión e da posta en valor do patrimonio documental e do que significan nunha comunidade cun pasado tan rico coma o noso”.

Concluíu Anxo Lorenzo referíndose ao interese do material que conforma a exposición, “na que a provincia de Lugo e o conxunto de Galicia quedan debuxados a través de algo tan habitual e característico da nosa terra como as pontes, os pontigos e os pasares”.

Comparte