Nova: Escenas do cambio despídese da Cidade da Cultura con Israel Galván, Tiago Rodrígues e La Ribot
20/02/2015
Escenas do cambio despídese da Cidade da Cultura con Israel Galván, Tiago Rodrígues e La Ribot
Premio Nacional de Danza 2005, Israel Galván presenta este venres no Gaiás o espectáculo ‘La Edad de Oro’, unha homenaxe ao flamenco xunto a Alfredo Lagos á guitarra e ‘El Niño de Elche’ ao cante
Tiago Rodrígues trae o sábado ‘By Heart’, onde dez persoas do público aprenden sobre o escenario un soneto de Shakespeare para facelo sobrivivir
O festival chega ao seu fin o domingo coa estrea en España de ‘El triunfo de la libertad’ de La Ribot, Juan Domínguez e Juan Loriente
Santiago, 20 de febreiro de 2015.- A Cidade da Cultura de Galicia despide esta fin de semana Escenas do cambio. Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción con tres grandes da escena contemporánea: o Premio Nacional de Danza 2005 Israel Galván; Tiago Rodrígues, un dos máis relevantes artistas novos portugueses; e o último traballo da Premio Nacional de Danza no 2000 La Ribot, en colaboración con Juan Loriente e Juan Domínguez.
Tras quince espectáculos, catro conferencias-performances e varios grupos de traballo con profesionais do sector; Escenas do cambio entra este venres na súa recta final. Será a partir das 20:30 horas cun dos bailaores contemporáneos máis recoñecidos: Israel Galván. Xunto a Alfredo Lagos á guitarra e ‘El Niño de Elche’ ao cante, Galván pon en escena ‘La edad de oro’, espectáculo no que rememora a época dourada do cante, baile e guitarra que comprende o último terzo do século XIX e principios do XX.
En ‘La edad de oro’, Israel Galván amárrase ás referencias buscando a aproximación aos cánones, para tirar a idade en proveito do ouro, o ouro do tempo presente que se amosa ante os nosos ollos, ante os nosos sentidos.
Un dos máis relevante artistas novos portugueses
Escenas do cambio estará protagonizado o sábado por Tiago Rodrígues, actor, dramaturgo e director cuxo teatro subversivo e poético o afirmou como un dos máis relevantes artistas novos portugueses.
Será coa peza ‘By Heart’, na que Rodrígues lle ensina un soneto de Shakespeare a dez persoas do público, levando á práctica a máxima defendida polo profesor de literatura George Steiner: “Tan pronto como 10 persoas aprenden un poema, non hai nada que a KGB, a CIA ou a Gestapo poidan facer. Ese poema vai sobrevivir”.
De estrea en Galicia, ‘By heart’ é unha peza sobre a importancia da transmisión, do invisible contrabando de palabras e ideas que un texto gravado na memoria pode ofrecer. ‘By heart’ é un recrutamento para a resistencia que só remata cando os dez guerrilleiros aprenden o poema.
As entradas para as dúas funcións están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e en www.servinova.com a un prezo de 8 euros.
Despedida coa peza para teatro de La Ribot
La Ribot, Premio Nacional de Danza en España no ano 2000, será a encarga de poñerlle o broche final a ‘Escenas do cambio’ coa súa polémica obra para teatro ‘El triunfo de la libertad’. Escrita e dirixida en colaboración co coreógrafo Juan Domínguez e o actor Juan Loriente, ‘El triunfo de la libertad’ segue provocando moita discusión desde a súa estrea no Festival de La Bâtie de Xenebra en 2014.
A obra, que chega por primeira vez a España, absorbe ao espectador nunha complexa rede de narración, anécdotas históricas, fragmentos poéticos e citacións. ‘El triunfo de la libertad’ é unha invitación ao público a reformular os seus desexos e ideas preconcibidas en canto ao teatro e, ao facelo, explorar e poñer a proba a liberdade da súa propia imaxinación. En palabras de La Ribot: “Queremos espir a escena e o espectador”.
‘El triunfo de la libertad’ ten entrada de balde e terá lugar a partir das 20:30 horas na Sala I do Museo Centro Gaiás. As invitacións para asistir á función poden retirarse no mostrador do Museo en horario de 11 a 20 horas. Daranse un máximo de dúas por persoa.