Nova: A Xunta convoca o V premio á innovación bibliotecaria de Galicia cunha nova categoría a prol da participación dos centros máis pequenos

29/05/2022

A Xunta convoca o V premio á innovación bibliotecaria de Galicia cunha nova categoría a prol da participación dos centros máis pequenos

O Diario Oficial de Galicia publica as bases, que recollen como principal novidade o establecemento de dous galardóns, un para entidades locais de ata 10.000 habitantes e outro para as que superen esa poboación

A contía total destinada á iniciativa duplícase e alcanza os 6.000 euros, que se distribúen en partes iguais para cada proxecto premiado

O II Mapa de Bibliotecas de Galicia, a folla de ruta aprobada esta semana para os vindeiros anos, prioriza a innovación, dixitalización e accesibilidade como retos
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2022 A Xunta vén de convocar o V Premio á Innovación Bibliotecaria co establecemento de dúas categorías que distinguen os proxectos presentados polas entidades locais de ata 10.000 habitantes e as que superen esa poboación. O obxectivo é favorecer a participación dos espazos bibliotecarios pequenos e evitar as dificultades que poidan ter para competir con centros maiores e con máis recursos, ao tempo que se impulsa o desenvolvemento de iniciativas innovadoras nos concellos de menor tamaño. A contía total destinada duplícase e alcanza os 6.000 euros, cunha dotación de 3.000 euros e o distintivo de biblioteca innovadora para cada un dos proxectos premiados.

Este premio alíñase cos obxectivos marcados no II Mapa de Bibliotecas de Galicia, a folla de ruta aprobada esta semana pola Xunta que fai unha diagnose dos centros bibliotecarios galegos e fixa uns retos de futuro para os seus xestores. O documento constata a positiva evolución destes centros nos últimos anos, especialmente no que atinxe á diversidade de servizos para acudir ás bibliotecas (prazas de aparcadoiro, paradas de autobús...), as condicións de apertura ou recursos como wifi, postos de lectura ou as coleccións que ofrecen. Entre os retos fixa priorizar aspectos como a atención ás persoas con discapacidade ou a dixitalización e innovación.

O galardón vai dirixido ás entidades locais que sexan titulares de bibliotecas ou de axencias de lectura pública integradas na Rede Pública de Bibliotecas de Galicia. Todas elas poderán concorrer con proxectos ou boas prácticas xa executados e relacionados co fomento da lectura, a aprendizaxe ao longo da vida e a adquisición de competencias dixitais, a posta en funcionamento de novos servizos ou redefinición dos existentes, e a difusión da biblioteca e dos seus servizos.

A participación cidadá, cohesión social e atención á diversidade, a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero, e a contribución aos obxectivos da Axenda 2030 non relacionados directamente coas áreas anteriores son outros dos eidos nos que se poden enmarcar as candidaturas. Os proxectos ou boas prácticas presentados deberán orientarse a buscar resultados positivos para as persoas usuarias e ser axeitados ao contexto local, ademais de innovadores e sostibles no tempo.

Criterios de valoración

Como se informa na convocatoria do Diario Oficial de Galicia, a valoración das candidaturas terase en conta o carácter innovador ou orixinalidade, a implicación da comunidade no deseño ou desenvolvemento, a relevancia para as diferentes tipoloxías de persoas usuarias, a difusión e repercusión nos medios de comunicación e os beneficios e resultados obtidos, entre outros aspectos.

As entidades locais interesadas en optar ao premio poden presentar ata dous proxectos ou boas prácticas, de xeito individual ou agrupadas. Disporán ata o 27 de xuño de prazo.

A última entidade recoñecida co Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia foi a Biblioteca Pública Municipal Xela Arias de Chapela, en Redondela, polo proxecto Unha biblioteca para Xela. Sumouse así á Biblioteca Municipal de Bóveda, galardoada en 2020 polo labor a prol da integración social; á Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas de Vigo, que recibiu o premio en 2019 pola elaboración dun mapa literario da cidade; e á Biblioteca Pública Municipal de Camariñas, que recibiu o recoñecemento en 2018 polo proxecto O berberecho rebecho viaxa a La Turballe.

Comparte