Nova: O ciclo literario Nexos volve ao Gaiás

23/02/2015

O ciclo literario Nexos volve ao Gaiás

Propón catro sesións dedicadas a María Zambrano, á imaxinación dos arquitectos, á arte contemporánea e á relación entre literatura e gastronomía coa gran dama da literatura negra actual: Donna Leon

Aberta en www.cidadedacultura.gal a inscrición da primeira xornada, que contará co relatorio de Ana Bundgaard e o concerto de Samuel Diz

  • Nexos. Ciclo de cultura contemporánea Nexos. Ciclo de cultura contemporánea

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2015.- O Gaiás acollerá a terceira edición do ciclo de literatura e pensamento Nexos. Ciclo de cultura contemporánea, que busca establecer un diálogo entre a literatura e outras áreas do coñecemento. As xornadas recuperan este ano o seu escenario orixinal, a Biblioteca de Galicia, onde se celebrarán catro sesións nas que abordar temas de actualidade ou inmemoriais mantendo unha dinámica xa coñecida polo público da Cidade da Cultura: combinación de relatorios con actuacións artísticas que dean lugar a reflexións estimulantes desde un formato lúdico e orixinal. E como o obxectivo é ofrecer un aperitivo cultural para as mañás dos sábados, os asistentes están convidados tras a sesión a un viño por cortesía da bodega Martín Códax, facilitando un momento para o diálogo e o intercambio de impresións.

A edición deste 2015 establecerá un diálogo entre áreas de coñecemento tan diversas como a filosofía, a poesía, a arquitectura, a arte contemporánea, a narrativa e a gastronomía. Así, Nexos abrirá cunha sesión dedicada a María Zambrano para continuar cunha xornada na que se abordará a imaxinación de arquitectos e urbanistas, as vangardas e a arte contemporánea e, finalmente, a relación entre literatura e gastronomía coa gran dama da literatura negra actual: Donna Leon.

Sesión infantil paralela
Como todos os nexos, Nexos terá unha sesión paralela para os máis pequenos –de 5 a 12 anos- basada na triple fórmula: ler (na que os nenos farán unha aproximación ao tema a través dunha lectura colectiva ou contacontos), facer (actividades lúdicas nas que aprender divertíndose) e falar (extracción de conclusións, debate e intercambio de ideas).

O obxectivo é introducir aos máis pequenos na relación entre a literatura e os diferentes aspectos da vida, transmitindo a idea de que a través dos libros e da expresión artística podemos entender a realidade, transformala e mellorala.

María Zambrano
Nexos arrancará o vindeiro 21 de marzo, Día Internacional da Poesía, lembrando á meirande intelectual española do século XX: a filósofa María Zambrano. Co concepto da “razón poética”, Zambrano acuñou unha liña de pensamento que buscaba trascender os estreitos límites do racionalismo para abrirse ao enigmático, misterioso e sagrado da condición humana.

A sesión contará co relatorio de Ana Bundgaard, hispanista e catedrática da Universidade de Aarhus (Dinamarca), unha das maiores autoridades mundiais na vida e obra de Zambrano. Tras as súas palabras, terá lugar un concerto de guitarra clásica a cargo de Samuel Diz.

A entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente en www.cidadedacultura.gal.

Da arquitectura á cociña
Tras esta sesión inaugural, Nexos abordará o 18 de abril ‘As cidades imaxinadas’, unha reflexión sobre a imaxinación dos arquitectos e urbanistas á hora de concibir os nosos espazos de relación e convivencia. En lugar de relatorio, ‘Nexos’ contará cun diálogo entre os arquitectos e urbanistas galegos Xerardo Estévez e Manuel Gallego Jorreto. Tras eles, terá lugar a proxección audiovisual ‘Imaxinarios sonoros de Compostela’, peza realizada expresamente para o ciclo no que Nacho Muñoz e Mig Seoane, dous músicos e artistas experimentais, realizan un “parkour” polas rúas de Compostela e do Gaiás.

O 9 de maio terá lugar ‘Esplendor e farsa da arte contemporánea’ cun relatorio a cargo de Estrella de Diego, escritora, ensaísta, catedrática de arte contemporánea na Universidade Complutense de Madrid e Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes en 2011. A sesión complétase cun concerto de Cuerpo Astral, grupo de música electrónica e “regatten ilustardo” formado por FurAlle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) e Lúa Gándara.

A última sesión será o 6 de xuño baixo o título ‘O deleite na palabra. Larpeiradas dos literatos’, na que se abordará a estreita relación entre comida e lectura, entre gastronomía e literatura. O relatorio contará cunha protagonista de excepción: a gran dama da literatura negra actual, a escritora e profesora estadounidense, Donna Leon. Creadora do personaxe do comisario Brunetti, os seus libros están ateigados de referencias gastronómicas como por exemplo ‘El sabor de Venecia’.

A clausura de Nexos complétase cun showcooking a cargo de Manuel Gago, xornalista e profesor da USC, e do cociñeiro Alberto Lareo, chef do restaurante Manso.

Comparte