Nova: Convocatoria de tres liñas de subvención ás industrias culturais

20/02/2015

Convocatoria de tres liñas de subvención ás industrias culturais

Valídanse as bases das axudas a produción escénica, festivais de artes escénicas e de música e desenvolvemento de proxectos audiovisuais

A Agadic mantén a contía de 600.000 euros dirixida a facilitar a realización de novos espectáculos de teatro, danza, maxia ou novo circo

Increméntase tanto o apoio aos festivais, aos que se destinan 370.000 euros, como á preprodución de novas longametraxes e produtos televisivos, para a que se reservan 185.000 euros

  • Axudas á produción escénica, festivais de artes escénicas e de música e desenvolvemento de proxectos audiovisuais Axudas á produción escénica, festivais de artes escénicas e de música e desenvolvemento de proxectos audiovisuais

Santiago, 20 de febreiro de 2015.- O Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) aprobou hoxe a convocatoria, por un importe total de 1.155.000 euros, das axudas a produción escénica, a festivais de artes escénicas e de música e a desenvolvemento de proxectos audiovisuais como parte do seu programa xeral de subvencións ao sector cultural para este ano. Na que foi a primeira reunión do órgano de goberno da Agadic presidida por Román Rodríguez tras a súa toma de posesión como conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, validáronse as bases destas tres liñas de apoio, que serán publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) ao longo das dúas próximas semanas.

Estas tres convocatorias súmanse ás dirixidas a festivais cinematográficos e a actividades de distribución nas industrias culturais, actualmente en proceso de trámite cara á súa adxudicación, de xeito que a primeiros do vindeiro mes de marzo xa estarán en marcha cinco das nove liñas de subvención da Agadic previstas para 2015. Neste sentido, estanse a adiantar as datas de publicación respecto a anos precedentes co obxectivo de mellorar a súa adecuación temporal aos procesos de creación, produción, distribución e promoción dos diferentes produtos culturais, dando así resposta ás suxestións recibidas desde o propio sector.

Produción escénica
No caso das axudas a produción escénica, a Axencia mantén a dotación de 600.000 euros respecto á convocatoria de 2014, a través da que se contribuíu ao financiamento dun total de 26 espectáculos de distintos formatos e estilos que se están a representar nos escenarios durante a actual temporada 2014-15. Como en anos anteriores, o obxectivo é favorecer a estrea das novas propostas escénicas –teatro de actor e monicreques, danza, maxia ou novo circo– das compañías profesionais galegas.

Pola súa banda, tanto as subvencións a festivais profesionais de escena e de música como a desenvolvemento de proxectos audiovisuais experimentan en 2015 un incremento de 10.000 euros en cada caso.

Música, artes escénicas e audiovisuais
Para os festivais, a Axencia Galega das Industrias Culturais reserva un total de 370.000 euros, dos que 210.000 euros se destinarán aos de música e os 160.000 restantes aos de artes escénicas. A finalidade é impulsar este tipo de eventos, considerados estratéxicos para o sector, ao tempo que se contribúe á consolidación dun mapa galego de festivais, á optimización dos recursos públicos para estas celebracións, á dinamización da contratación artística e ao fomento de espectadores. Mediante esta liña cofinanciáronse en 2014 un total de 10 encontros escénicos e 16 musicais celebrados nas catro provincias galegas.

Por último, o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega conta este ano cun orzamento de 185.000 euros, a través do que se dá cobertura a unha serie de operacións previas ao proceso de produción cinematográfica e televisiva. O seu obxectivo último é garantir a viabilidade dos proxectos que, en anos posteriores, poderán optar ás axudas para a produción ou coprodución cara á súa materialización. En 2014, un total de 12 produtoras independentes resultaron adxudicatarias destas subvencións para a preprodución de nove longametraxes cinematográficas, dúas miniseries e un piloto dun programa para televisión.

Comparte