Nova: Alejandro G. Iñárritu convida a achegarse a experiencia dos migrantes coa instalación de realidade virtual ‘CARNE y ARENA’ que a Xunta inaugura hoxe no Gaiás
01/07/2022
Alejandro G. Iñárritu convida a achegarse a experiencia dos migrantes coa instalación de realidade virtual ‘CARNE y ARENA’ que a Xunta inaugura hoxe no Gaiás
Santiago de Compostela convértese na primeira e ata agora única cidade de España e Portugal onde vivir esta experiencia, tras o seu paso por Washington, Os Ánxeles, Cidade de México, Montreal, Ámsterdam, Cannes ou Milán
O proxecto, aberto desde hoxe ao público e con prazas moi limitadas, emprega sofisticada tecnoloxía inmersiva para comprender a viaxe das persoas migrantes que atravesan a fronteira entre México e os EEUU
O conselleiro de Cultura destaca a “ollada empática” e a forza desta “proposta pioneira” sobre a realidade das persoas desprazadas e eloxia “o talento do cineasta no emprego de novas linguaxes narrativas”
Alejandro G. Iñárritu, nun encontro telemático cos medios, explica que a experiencia permite “camiñar nos pés do emigrante, por debaixo da súa pel e dentro do seu corazón”
Para participar cómpre reservar praza xa que a experiencia está deseñada para vivirse de xeito individual. Quedan dispoñibles as últimas quendas de xullo e hoxe saen á venda as de agosto
‘CARNE y ARENA’ é un proxecto de Alejandro G. Iñárritu, producido por Legendary Entertainment, Emerson Collective, Fondazione Prada e PHI Studio, que chega a Santiago da man da Xunta de Galicia e da plataforma cultural 90_20
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o oscarizado director Alejandro González Iñárritu, presente a través dunha videoconferencia, convidaron esta tarde a descubrir a experiencia das persoas migrantes e refuxiadas en CARNE y ARENA, o premiado proxecto de realidade virtual que chega por primeira vez a España e Portugal e que hoxe se inaugurou no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.
CARNE y ARENA (Virtualmente presente, Fisicamente invisible), premiado cun Oscar da Academia e que se converteu no primeiro proxecto de realidade virtual en ser presentado no Festival de Cannes, explora a condición humana das persoas migrantes e refuxiadas. Coa axuda da tecnoloxía inmersiva máis sofisticada, o cineasta mexicano -gañador de cinco Oscar- logra trasladar aos participantes a unha viaxe cun grupo de persoas a través do deserto, nun intento de cruzar a fronteira entre México e os Estados Unidos.
Santiago de Compostela convértese así na primeira cidade da Península en acoller este proxecto producido por Legendary Entertainment, Emerson Collective e Fondazione Prada, en colaboración con PHI Studio, e que chega a Galicia da man da plataforma cultural 90_20 no marco do Xacobeo 21-22.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que agradeceu a conexión desde Os Ánxeles de González Iñárritu para estar presente nun encontro cos medios, destacou a súa capacidade “no emprego das novas linguaxes para facernos comprender mellor a realidade que vivimos a través dunha ollada humana e empática”.
“Trátase dunha experiencia pioneira que merece todos os recoñecementos”, engadiu o titular de Cultura do Goberno de Galicia, que salientou tamén a dimensión internacional dun proxecto que visitou cidades como Milán, Ámsterdam, Montreal, Dallas, Washington D. C., Os Ánxeles ou Cidade de México.
“En Galicia, CARNE y ARENA conéctanos co noso pasado, xa que a emigración na procura dunhas mellores condicións de vida foi a realidade á que tiveron que enfrontarse milleiros de galegos e galegas ao longo da historia”, asegurou o conselleiro.
Historias de vida reais
Alejandro G. Iñárritu sinalou que durante o desenvolvemento deste proxecto tivo o privilexio de coñecer e entrevistar a moitos inmigrantes e refuxiados mexicanos e centroamericanos.
“As súas historias de vida perseguíanme, así que convidei a algúns deles a colaborar comigo. A miña intención era experimentar coa tecnoloxía para explorar a condición humana nun intento por romper coa ditadura do encadre e permitir así ao visitante unha experiencia directa, camiñando nos pés do inmigrante, por debaixo da súa pel, e dentro do seu corazón”, explicou.
Durante esta experiencia, que o cineasta describe como “realista e irreal a un tempo”, Iñárritu explicou como o cerebro e a maioría dos sentidos se poñen a proba. “Ningunha experiencia en CARNE y ARENA é a mesma que para outro visitante”, engadiu.
Nesta proposta, os participantes experimentan en profundidade un fragmento das viaxes das persoas refuxiadas. Deseñada como unha travesía en solitario para unha persoa, xira arredor dunha secuencia de realidade virtual experimentada por tres visitantes simultáneos en salas separadas, con tecnoloxía inmersiva de vangarda. CARNE y ARENA crea un espazo multinarrativo de luz con personaxes humanos e secuencias de extremo realismo que trasladan ás persoas visitantes, descalzas sobre a area, a un escenario de persecución a través do deserto.
Termos como “rompedora”, “brillante”, “conmovedora” ou “unha das primeiras obras mestras de realidade virtual” foron algúns dos cualificativos que CARNE y ARENA recibiu durante a súa xira internacional por cabeceiras como The New York Times, Forbes ou o Washington Post.
Entradas limitadas
Polas especiais e exclusivas condicións da instalación, con capacidade para acoller a só tres visitantes por quenda –e un total de 75 por día–, as prazas son moi limitadas. Están a venda as últimas entradas de xullo e, a partir de hoxe, poden xa mercarse as entradas para as sesións de agosto, a un prezo de 9 € máis gastos de xestión, a través de Ataquilla. En breve sairán a venda as quendas de setembro.
A entrada non está permitida a menores de 14 anos e tampouco recomendada a persoas con problemas cardíacos, patoloxías lumbares, antecedentes de convulsións, epilepsia ou sensibilidade ás luces intermitentes. Recoméndase consultar previamente toda a información sobre as condicións de acceso na web da Cidade da Cultura.
Sobre Alejandro González Iñárritu
Alejandro G. Iñárritu é un oscarizado director, guionista, locutor e compositor mexicano. É un dos cineastas máis aclamados e recoñecidos a nivel mundial, nomeadamente por contar historias conmovedoras e internacionais sobre a condición humana. Dirixiu filmes como Amores perros (2000), 21 gramos (2003), Babel (2006), Biutiful (2010), Birdman (2014) ou The Revenant (2015). Conta con catro premios Oscar (mellor película, mellor director e mellor guión orixinal por Birdman, e novamente mellor director por The Revenant), ademais dun Oscar Especial ao proxecto de RV CARNE y ARENA, cualificado pola Academia como unha “experiencia narrativa excepcional”.
Sobre PHI Studio
Con base en Montreal, PHI Studio centra as súas actividades na produción de traballos inmersivos en realidade virtual, realidade aumentada e realidade estendida. Pioneira en experiencias interactivas, recibiu recoñecemento internacional pola súa produción innovadora ao servizo de novas formas de narración.
Sobre Emerson Collective
Emerson Collective é unha organización dedicada a eliminar barreiras y promover oportunidades para que as persoas desenvolven todo o seu potencial. Fundada e dirixida por Laurene Powell Jobs, Emerson Collective céntrase na educación, na inmigración, no medio ambiente e en iniciativas de xustiza social. Emerson emprega unha ampla gama de ferramentas e estratexias -desde a filantropía e programas de inversión de risco, ata a colaboración con emprendedores, activistas, divulgadores e líderes de opinión- para desenvolver e executar solucións innovadoras que impulsen o cambio e promovan a igualdade.
Sobre Legendary Entertainment
Legendary Entertainment é unha empresa de medios de comunicación que conta con operacións de cine, televisión, medios dixitais e banda deseñada que posúen, producen e distribúen contido para audiencias internacionais.
Sobre 90_20
90_20 é unha plataforma de produción cultural que conecta ambos lados do Atlántico mediante a colaboración con artistas internacionais para crear experiencias que impactan na súa comunidade e enriquecen o gusto pola creación artística, destacando a capacidade da arte como ferramenta de transformación, integración e innovación.