Nova: A Xunta envía ao Goberno central a solicitude para a posta en marcha dun Perte cultural

13/08/2022

A Xunta envía ao Goberno central a solicitude para a posta en marcha dun Perte cultural

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, remite unha carta ao ministro da área, Miquel Iceta, para impulsar esta iniciativa, “que recoñeza o peso deste sector na economía e contribúa ao seu fortalecemento”

A petición da Xunta de Galicia parte do “convencemento de que a cultura non pode quedar á marxe da gran oportunidade que supoñen os fondos europeos”

Galicia presenta 19 proxectos enriquecidos e deseñados ao abeiro dun proceso de participación e diálogo co sector con 82 achegas de 55 entidades

 

 

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, vén de remitir ao ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, unha carta para solicitarlle a posta en marcha dun PERTE cultural “que recoñeza o peso do sector na economía e contribúa ao seu fortalecemento”. Tal e como se indica na misiva, a petición da Xunta de Galicia parte do “convencemento de que a cultura non pode quedar á marxe da gran oportunidade que supoñen os fondos europeos”.

 

Neste sentido, o titular do departamento de Cultura do Goberno galego destaca o sector da cultura “como xerador non só de riqueza e benestar profesional, senón como principal factor de diferenciación identitaria do noso país”. “A activación dos PERTE, financiados con fondos europeos, está chamada a supoñer un estímulo vital para os principais sectores socioeconómicos en España”, explica, motivo polo que a Xunta considera necesaria a súa posta en marcha tamén neste eido.

 

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades leva meses traballando co sector cultural galego para analizar, estudar e concretar os principais retos e necesidades, un proceso que resultou en 82 achegas de 55 entidades distintas que se vén de remitir ao Ministerio e que inclúen tanto ás universidades como a museos, fundacións, editoriais e empresas. “Con este compendio sobre a mesa, gustaríame solicitarlle que se teñan en conta estes proxectos para as próximas convocatorias de axudas con cargo aos fondos europeos”, indica Román Rodríguez.

 
Unha vintena de proxectos

As achegas recibidas pola Xunta neste proceso de participación cidadá artéllanse arredor de 19 proxectos, cun orzamento global próximo aos 400 M€. Deles, oito foron deseñados pola Xunta de Galicia e enriquecidos con 71 propostas do sector. O resto, un total de 11, son proxectos recollidos no proceso de participación.

 

As iniciativas céntranse, entre outros aspectos, na difusión da cultura, a dixitalización da cultura galega cunha plataforma online que reúna, preserve e investigue toda a documentación relativa ás artes escénicas de Galicia; para a mellora de bens singulares do patrimonio e recuperación do patrimonio arqueolóxico, así como para impulsar a transición dixital dos recursos do Camiño de Santiago. Tamén para potenciar a innovación nos museos ou para garantir a presenza da lingua nos novos desenvolvemento tecnolóxicos.

Por iniciativa das distintas entidades culturais, tamén xurdiron proxectos como a creación dunha estratexia de documentación e innovación sobre as prácticas artesanais e oficios tradicionais, a posta en marcha dunha libraría de sons e ritmos tradicionais galegos ou un proxecto para crear residencias comarcais para o fomento das artes escénicas no rural galego. Tamén proxectos para estudar o impacto dos estímulos musicais en enfermidades para desenvolver un programa de intervención musical en centros sanitarios ou sociosanitarios, iniciativas para reconstruír casas reitorais e mosteiros para uso multifuncional con comunidades autoxestionadas ou un proxecto para difundir o barroco galego dun xeito completo e plenamente documentado, entre outras propostas.

Comparte