Nova: A Xunta intervén no Castro de Santa María de Cervantes para sacar á luz un tramo da muralla

07/10/2022

A Xunta intervén no Castro de Santa María de Cervantes para sacar á luz un tramo da muralla

Os traballos inclúen a escavación e consolidación de 60 metros cadrados da estrutura, na área que delimita o xacemento polo Leste

Cervantes (Lugo), 7 de outubro de 2022 A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades está a executar unha actuación arqueolóxica para sacar á luz parte da muralla do Castro de Santa María, no municipio de Cervantes. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a evolución dos traballos que, explicou, suporán “mellorar o coñecemento, conservación e posta en valor deste sobranceiro xacemento”.

 

A intervención conta cun orzamento de 17.800 euros e céntrase na escavación dun tramo de 60 metros cadrados do sector Leste da muralla que delimita o castro, co fin de coñecer as súas características estruturais. Tamén se procede á consolidación puntual das estruturas arqueolóxicas escavadas nos anos 90 do pasado século.

 

Previamente, realizáronse tarefas de limpeza manual de muros, pavimentos e outros elementos, así como unha roza na zona leste, que consistiu fundamentalmente en eliminar as especies de monte baixo (fentos, silvas, xestas, toxos...) da superficie de actuación.

 

Está previsto que o traballo de campo remate nos vindeiros días, e que no mes de decembro estea lista a memoria técnica que documentará os achados e avances realizados.

 

Características do conxunto

O xacemento, situado na parroquia de Santa María do Castro, corresponde a un poboado   mineiro datado nos séculos I-II da nosa era. O conxunto está integrado, ademais, polos restos de explotacións mineiras na súa contorna inmediata e por unha igrexa e unha necrópole na súa croa que se remonta cando menos ao século XIV.

 

Os estudos realizados revelaron numerosos datos sobre o período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, que explotaba os xacementos auríferos do río Navia e os seus afluentes. As minas son mostra dunha interesante corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións, para aproveitar o mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro.

 
O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural en novembro do ano 2019. Desde entón, a Consellería leva investidos preto de 34.000 euros na súa investigación e mantemento.

Comparte