Nova: Xunta e Galaxia editan o clásico da literatura galega infantil ‘O cabaliño de buxo’, de Neira Vilas

11/10/2022

Xunta e Galaxia editan o clásico da literatura galega infantil ‘O cabaliño de buxo’, de Neira Vilas

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación desta obra ambientada no mundo da aldea galega baixo a ollada infantil

 

A edición, destinada a maiores de oito anos, pasa a formar parte da colección infantil e xuvenil Árbore de Galaxia

Santiago de Compostela, 11 de outubro 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da obra infantil O cabaliño de buxo, un clásicode Xosé Neira Vilas editado pola Editorial Galaxia co apoio da Xunta e que pasa a formar parte da colección infantil e xuvenil Árbore da editorial galega.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importancia deste libro que transmite “valores fundamentais da sociedade galega máis tradicional que aínda teñen vixencia nos nosos días e que Neira Vilas soubo plasmar dunha forma maxistral na súa intención de fundar a literatura infantil en lingua galega”. Neste acto tamén estiveron presentes Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas; Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, e Belén Rodríguez, ilustradora da obra.

 

Enfocado á cativada a partir dos oito anos, O cabaliño de buxo está ambientado no mundo de aldea que impregna a obra de Xosé Neira Vilas. Ruliño, o protagonista, olla o mundo coa curiosidade dos nenos, tratando de comprender o porqué das cousas. Este libro, dedicado a Anisia, que ten os ollos de rapaza galega, reflicte a grandeza do pequeno, poñendo en valor a cultura propia.

 

É obra de Xosé Neira Vilas, un dos escritores máis sobranceiros das letras galegas. A súa vida e obra están marcadas pola emigración, que viviu en primeira persoa na Arxentina, onde fundou Follas Novas, editorial e distribuidora do libro galego, xunto coa súa muller Anisia Miranda, e Cuba. A súa mestría creadora amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega. Xunto a O cabaliño de buxo, foi autor de obras como Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), A muller de ferro (1969), Cartas a Lelo (1971), Aqueles anos do Moncho (1977), De cando o Suso foi carteiro (1988) ou Memorias dun neno labrego (1961), un dos libros máis famosos das letras galegas.

Comparte