Nova: Nova edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
17/03/2015
Nova edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
O porto de Cabo da Cruz acollerá, do 9 ao 12 de xullo, esta iniciativa a prol dos bens patrimoniais vinculados ao mar
Santiago, 17 de marzo de 2015.- Baixo o lema ‘Vento da historia, mar de futuro...’ o porto de Cabo da Cruz, no concello de Boiro, será o escenario, entre o 9 e o 12 de xullo, da nova edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, unha iniciativa promovida pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) a prol da recuperación e difusión social do patrimonio marítimo tradicional. Trátase, en palabras do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, “dun amplísimo patrimonio cultural que se forxou ao longo da historia e que hoxe require da colaboración e unión de diferentes axentes –movemento asociativo, administracións, institucións galegas e internacionais, a cidadanía en xeral– para que sexa recuperado, apreciado e valorado a todos os niveis: cultural, social, económico, turístico etc.”.
A duodécima edición do encontro, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través das consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do Medio Rural e do Mar, e de Economía e Industria, así como tamén da Deputación Provincial da Coruña, foi presentada hoxe en rolda de prensa por Anxo Lorenzo. O acto tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura e tamén contou coas intervencións do alcalde de Boiro e vicepresidente do comité organizador do encontro, Juan José Dieste; do presidente da federación, Manuel García Sendón; e do presidente do comité, Gerardo Triñanes.
Impulso á recuperación e ao aprecio social
“A actualización e recuperación do patrimonio marítimo –asegurou o secretario xeral– é posible grazas a esforzos continuados no tempo, con iniciativas coma esta”.“Desde a Xunta de Galicia cremos no interese do encontro para continuar o proceso de preservación e de construción dun aprecio social por este patrimonio material e inmaterial arredor do mar”.“Por iso –engadiu– apoiamos un ano máis esta iniciativa, que constitúe xa un referente estatal no ámbito da náutica tradicional, pero tamén, cada vez máis, no exterior”.
A edición máis internacional
Os organizadores do encontro esperan que esta nova edición sexa a máis internacional, con embarcacións procedentes de países como Croacia, Inglaterra, Irlanda e o veciño Portugal, ademais doutras chegadas de diferentes puntos de España, como o País Vasco ou Cartaxena. Esta participaciónenriquecerá o encontro con novas experiencias acerca da construción destas embarcacións e tamén sobre a formación regrada do oficio.
Á repercusión cada vez maior do encontro, que constitúe un punto de referencia para técnicos, amantes do patrimonio marítimo e, en xeral, para toda a cidadanía interesada en coñecer algo máis da relación co mar, tamén contribuirá a completa programación que se desenvolverá durante as catro xornadas e que incluirá este ano unha navegación específica para persoas con discapacidade.
Ás actividades no mar, coa concentración e exhibición no peirao das embarcacións tradicionais e a navegación diaria, sumaranse múltiples propostas en terra que farán deste encontro unha auténtica festa da cultura, con mostras de artesanía, obradoiros mariñeiros, exposicións, xogos tradicionais, xornadas técnicas sobre patrimonio marítimo, recitais poético-musicais, teatro e danza, e múltiples concertos.
Bens patrimoniais vinculados ao mar
No ámbito do patrimonio marítimo, ademais de colaborar co Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a Consellería de Cultura e Educación asume tamén múltiples iniciativas, a través da Dirección Xeral de Patrimonio e dos dous centros culturais do departamento vinculados ao medio mariño: o Museo Massó, de Bueu, e o Museo do Mar de Galicia, en Vigo.Os dous centros veñen promovendo un conxunto de actividades permanentes vinculadas coa colección e preservación de embarcacións tradicionais, actividades didácticas de difusión social e a participación en programas de traballo común e xornadas de debate e estudo.
En 2013, a Xunta de Galicia tamén apoiou ‘Embarcacións tradicionais. Galicia. Pasado e presente’, unha obra publicada pola Deputación da Coruña que recolle o labor de máis de dous anos dun grupo de fotógrafos e investigadores que testaron a actualidade das embarcacións tradicionais galegas e estudaron as diferenzas con embarcacións de tempos anteriores a 1930.
O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
Desde 1993, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) convoca cada dous anos o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, ao que están convidadas todas as súas asociacións así como entidades afíns, particulares e institucións. O porto de Cabo de Cruz, no concello de Boiro, será o escenario da nova edición do evento, que consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego, así como doutras zonas xeográficas, acompañados de actos culturais e de lecer, xornadas, publicacións, exposicións,coloquios, música e danza tradicional, artesanía, etc.
A posta en valor da riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego, así como a necesidade de recuperalo e conservalo son os principais obxectivos desta iniciativa. Ademais, os encontros contribúen a difundir o traballo realizado no ámbito da recuperación do patrimonio feito polas asociacións, e ao mesmo tempo, supón unha actividade de dinamización social e de lecer, converténdose nunha festa atractiva para a cidadanía e os visitantes da concello no que se leva a cabo o encontro.
Actualmente está aberta a inscrición de barcos para o encontro, no que xa están inscritos un total de 15 de 13 tipoloxías distintas.