Nova: A Xunta conmemora o XXII aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade cunha gala cultural
30/11/2022
A Xunta conmemora o XXII aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade cunha gala cultural
Lugo, 30 de novembro de 2022 A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe unha gala cultural en conmemoración do XXII Aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade; estivo conducida polo xornalista Xulio Xiz e contou coa asistencia do delegado territorial, Javier Arias.
Actuaron o conxunto vocal Lugh, o quinteto de metais da Asociación Músico Crisanto, o mago Rafa, e alumnos e alumnas do Conservatorio de Danza de Lugo, e presentouse o videoxogo de realidade virtual Descubre a Muralla, creado por “Unha de Romanos” co patrocinio da Xunta -a través de Turismo de Galicia- con motivo desta efeméride.
Asi mesmo, amosouse parte do traballo de investigación e conservación da Muralla que realiza a Xunta ao longo do ano, cun vídeo sobre a musealización da galería que atravesa os muros e outros elementos atopados no entorno da porta Bispo Odoario. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades investiu 78.780 euros nesta intervención, executada nos últimos meses.