Nova: O espectáculo ‘Política Sentimental’ arranca a súa xira dentro da programación da Xunta polo centenario de María Casares
15/12/2022
O espectáculo ‘Política Sentimental’ arranca a súa xira dentro da programación da Xunta polo centenario de María Casares
Protagonizada por Sabela Hermida e Germán Torres, a peza recrea a relación entre Albert Camus e María Casares en Francia
Representarase durante o mes de decembro no Barco de Valdeorras, Gondomar, Santiago de Compostela e A Coruña
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe a xira do espectáculo escénico Política Sentimental. O encontro necesario entre María Casares e Albert Camus, organizada pola Xunta de Galicia como parte da ampla programación de actividades realizadas durante todo o ano para celebrar o centenario de María Casares.
Acompañado da actriz Sabela Hermida, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades saudou unha xira “que contribuirá a dar a coñecer a traxectoria dunha actriz excepcional que non por integrarse no seu país de acollida renunciou á súa identidade previa e cuxo talento e relevancia recoñecemos na súa terra de nacemento ao darlle o seu nome aos premios de teatro por excelencia de Galicia”.
Política Sentimental é un texto do escritor e crítico teatral Javier Villán adaptado ao galego por Manarte Producciones co gallo do centenario da actriz María Casares. Dirixida por David Loaysa e protagonizada por Sabela Hermida e o catalán Germán Torres, encargados de darlles vida a María Casares e Albert Camus respectivamente, a obra sitúa o espectador no París de 1940, ocupado polos nazis. Será neste escenario onde se produza o encontro entre as dúas personalidades do panorama cultural da época: Albert Camus, un dos máis notables representantes do existencialismo francés, e a actriz galega María Casares.
O espectáculo, que xa realizou o seu primeiro pase este martes en Lugo, visitará a seguir o Teatro Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras),o venres 16 de decembro ás 21,00 h.; o Auditorio Lois Tobío (Gondomar) o sábado 17 de decembro ás 21,30 h.; o Salón Teatro (Santiago de Compostela) o domingo 18 decembro ás 18,00 h. e o Museo de Belas Artes (A Coruña) o mércores 21 decembro cun pase ás 18,00 h. e outro ás 20,00 h.
Unha vida dedicada á interpretación
Nada na Coruña en 1922, María Casares dedicou a súa vida á interpretación, tanto no teatro como no cinema, cunha dilatada traxectoria en Francia, onde se exiliou en 1936. Protagonizou varias obras escritas por Camus e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, pois chegou a converterse en musa do existencialismo francés. En 1996, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galicia levasen o seu nome, mais faleceu antes de que puidese celebrarse a primeira edición.