Nova: Colocación dos primeiros restos romanos no Centro de Interpretación de Caldoval

23/03/2015

Colocación dos primeiros restos romanos no Centro de Interpretación de Caldoval

O obxectivo da intervención é poñer en valor os restos atopados

  • Xacemento romano de Caldoval, en Mugardos Xacemento romano de Caldoval, en Mugardos

Mugardos (A Coruña), 23 de marzo de 2015.- O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participaron esta mañá no acto de colocación dos primeiros restos romanos no Centro de Interpretación de Caldoval, en Mugardos; un proxecto de conservación e musealización realizado por Reganosa tras detectar un xacemento anexo aos espazos da súa planta nesta localidade. No acto estivo ademais presente a delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo.

Durante a súa intervención, Román Rodríguez destacou que con esta actuación “se dan a man o pasado e o futuro”. Futuro porque é un centro que está chamado a ser “a referencia arqueolóxica” non só de Mugardos, senón tamén da comarca, que axudará a “impulsar o turismo na zona” e tamén impulsará a creación de emprego. E pasado porque, sinalou, "se pon en valor o noso pasado romano”, ao abeiro dunha colaboración na que Xunta, Reganosa e Concello unen forzas para articular un espazo de simbiose entre Galicia e Roma.

No xacemento distínguense dous conxuntos diferenciados. Por unha banda unha canle escavada na pedra e estancias orientadas á costa e, por outra, os restos dun balneario rural doméstico, do que se conserva tamén parte da palestra destinada á práctica de deporte. O obxectivo do centro de interpretación e dos 3 promotores do proxecto - Xunta, Reganosa e Concello de Mugardos- é dar a coñecer o complexo -en uso entre os séculos I e V despois de Cristo-, facilitando ao visitante a súa comprensión a través da recreación de certas estancias e de proxeccións sobre o antigo mundo romano, nun proxecto de musealización centrado no aspecto termal dos restos atopados.

Deste xeito, a reconstrución permitirá apreciar as diferentes estancias que compoñían un balneario rural doméstico con palestra -da que se conservan algúns piares-. Así mesmo, acondicionarase o entorno coas pertinentes beirarrúas e vías de acceso e cun amplo espazo verde que enmarque o xacemento.

Comparte