Premio: I Certame de Cantería Vento de Pedra

I Certame de Cantería Vento de Pedra

Primeiro encontro de canteiros celebrado na Costa da Morte

O certame Vento de Pedra é unha iniciativa promovida polo Concello de Cabana de Bergantiños que terá lugar do 18 ao 24 de agosto na localidade coruñesa.
Durante seis días, os artistas que participen terán ocasión de traballar unha peza escultórica inspirada nos valores, tradicións e antigos oficios que atesoura a Costa da Morte. Nese sentido, o certame constitúe para as persoas ás que se dirixe unha oportunidade de convivir, compartir e competir co seu saber e a súa capacidade creativa.

A temática do concurso, que se desenvolverá desde o luns 18 ata o sábado 23 de agosto, será ‘Oficios tradicionais da Costa da Morte: do mar e da terra’. O domingo 24, o xurado fará público o seu ditame e procederase á entrega dos galardóns.
Para poder levar a cabo o seu traballo, cada participante será dotado dun bloque de granito silvestre, dunhas dimensións aproximadas de 60x80x50 cm. A partir dese bloque os e as participantes disporán de seis días para realizar as súas creacións e levarán a cabo o seu traballo nun espazo da Praza do Pendón de Cabana de Bergantiños.

A inscrición no certame, que se deberá realizar a través do enderezo electrónico ventodepedra@concello-cabana.es antes do vindeiro 25 de xullo, limitarase a un máximo de 25 participantes. Poderán participar nel todas aquelas persoas de Galicia ou do resto do Estado que acrediten ter coñecementos do traballo en pedra.

Os/as aspirantes deberán presentar, xunto co seu curriculum vitae, un boceto en papel da peza que teñan intención de esculpir.

Mäis información

Estado do trámite: Resolto

Comparte