Premio: XXXIV Premio Xerais de novela
XXXIV Premio Xerais de novela
Edicións Xerais de Galicia convoca os Premios Xerais 2017 para orixinais en lingua galega, conforme a normativa vixente, nas modalidades de novela, literatura infantil e literatura xuvenil.
O Premio Xerais de novela chega a súa trixésimo cuarta edición, o Merlín de literatura infantil acada á trixésimo segunda e o Jules Verne de literatura xuvenil, que conta coa colaboración de Ámbito Cultural-El Corte Inglés, á novena. Todos os tres premios están dotados con 10.000 euros.
O prazo de admisión dos orixinais das tres modalidades será o 31 de marzo de 2017, mentres que o xurado, cuxa composición se dará a coñecer no mes de maio, emitirá o seu fallo no curso da Festa Xerais que se celebrará o día 3 xuño de 2017. Os textos presentados han ser inéditos e totalmente orixinais, non podendo ter sido comunicados, nin na súa totalidade, nin por partes, por ningún tipo de procedemento. O premio en cada unha das modalidades poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.
De cada orixinal presentaranse seis copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas, acompañadas dun cedé no que se incluirá a obra en formato pdf. Co orixinal, que deberá ser presentado baixo o lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a, achegarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor/a, así como o título da obra. Os orixinais deben ser enviados aos locais sociais de Edicións Xerais de Galicia S.A., rúa Doutor Marañón, 12, 36211 Vigo.