Aviso: Desenvolvemento e promoción da tarxeta-bono Cultura Galega
Desenvolvemento e promoción da tarxeta-bono Cultura Galega
Ten por obxecto a subvención da compra de produtos culturais entre a mocidade
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica no DOG a Resolución do 28 de xullo de 2015 para o desenvolvemento e a promoción da tarxeta-bono Cultura Galega.
A campaña tarxeta-bono Cultura Galega realizada pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) ten por obxecto a subvención da compra de certos produtos culturais, entre a poboación comprendida entre os 18 e 30 anos, mediante a emisión de bonos cos cales o usuario/a se beneficiará dunha subvención para adquirir libros en galego e/ou entradas para asistir a espectáculos de artes escénicas representados na Comunidade Autónoma galega (no suposto de representacións teatrais, estas deben ser en idioma galego).
Cada un destes bonos concretizados nunha tarxeta(s)-bono Cultura Galega terá un prezo de venda de 33 euros e daralle ao/á portador/a un valor de 50 euros para a adquisición de libros en galego ou entradas a espectáculos de artes escénicas representados na Comunidade Autónoma galega (no suposto de representacións teatrais, estas deben ser en idioma galego) e realizados dentro da rede de establecementos adheridos á campaña.
A diferenza –subvención– de 17 euros en cada tarxeta-bono será achegada pola Agadic co obxectivo de incentivar o consumo destes produtos culturais.
Produtos subvencionables
As tarxetas do presente programa servirán como medio de pagamento para mercar os seguintes produtos culturais:
– Libros escritos en galego, en papel, incluíndo traducións doutras linguas ao galego.
– Entradas para espectáculos de artes escénicas levados a cabo na Comunidade Autónoma galega (no suposto de representacións teatrais, estas deben ser en idioma galego) e en centros adheridos á campaña.
Quedan expresamente fóra do programa, sen poderen adquirirse a través da tarxeta-bono Cultura Galega, os seguintes produtos: libros de texto e material curricular, artigos de papelaría, equipamentos, software e consumibles de informática e electrónica, xogos e videoxogos.
Establecementos participantes
1. Poderán adherirse ao programa tarxeta-bono Cultura Galega, aceptando esta como medio de pagamento, aqueles establecementos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia de que sexan persoas físicas ou xurídicas, cumpran os seguintes requisitos:
a) Sexan establecementos mercantís de libre acceso ao publico, dedicados fundamentalmente á venda de libros (pemes e grandes empresas) ou de espectáculos escénicos (teatro, danza, música...), con independencia da súa titularidade pública ou privada.
b) Dispoñan de acceso á internet no punto de venda.
2. O número máximo de establecementos que poderán adherirse a este programa é de 180 e as solicitudes resolveranse por orde de entrada.
Prazo
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. O dito prazo poderá ser obxecto de prórroga mediante a oportuna resolución da Agadic, que deberá ser publicada no DOG.