Aviso: Regúlase a composición e o funcionamento do Consello de Arquivos de Galicia

Regúlase a composición e o funcionamento do Consello de Arquivos de Galicia

A Consellería de Cultura, Eduación e Ordenación Universitaria publica no DOG o Decreto 25/2016, do 3 de marzo, polo que se regula a composición e o funcionamento do Consello de Arquivos de Galicia.

Este decreto ten por obxecto regular a composición e o funcionamento do Consello de Arquivos de Galicia como órgano colexiado, consultivo de asesoramento, cooperación e participación en materia de arquivos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 33 e na disposición transitoria primeira da Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia.

Son funcións do Consello de Arquivos de Galicia as seguintes:

a) Emitir informe con carácter preceptivo sobre os regulamentos que se diten en desenvolvemento da Lei 7/2014, do 26 de outubro.

b) Emitir informe con carácter preceptivo sobre a incorporación dos arquivos ao Sistema de Arquivos de Galicia.

c) Emitir informe con carácter preceptivo sobre o réxime de protección dos bens considerados patrimonio documental de Galicia.

d) Emitir informe con carácter preceptivo sobre a declaración de bens do patrimonio documental como bens de interese cultural, así como a súa inclusión no catálogo ou no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

e) Emitir informe ao órgano superior competente en materia de arquivos e patrimonio documental sobre os plans relacionados coa política arquivística que pretenda aprobar a Xunta de Galicia.

f) Emitir informe ao órgano superior competente en materia de arquivos e patrimonio documental sobre as normas técnicas básicas ás cales deben adecuarse os sistemas de xestión documental dos arquivos que forman parte do Sistema de Arquivos de Galicia.

g) Proporlle ao órgano competente en materia de arquivos e patrimonio documental as actuacións e iniciativas para o mellor funcionamento do Sistema de Arquivos de Galicia, así como para a mellora e o desenvolvemento dos procesos de dixitalización, preservación, accesibilidade e difusión en liña do material cultural dixital.

h) Emitir informe sobre as cuestións que someta á súa consideración, en relación co Sistema de Arquivos de Galicia, a persoa titular da consellería ou do órgano superior competente en materia de arquivos e patrimonio documental.

i) Proporlle ao órgano competente en materia de arquivos e patrimonio documental políticas activas para contribuír á transparencia e ao acceso á información pública e á reutilización de datos en poder das administracións.

j) Calquera outra que se lle encomende regulamentariamente relativa ao asesoramento sobre a organización, estruturación e ordenación do Sistema de Arquivos de Galicia.

 

Comparte