Aviso: Edición de Firma e Filme 2016 para a adaptación audiovisual de obras literarias galegas
Edición de Firma e Filme 2016 para a adaptación audiovisual de obras literarias galegas
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar unha nova edición do programa ‘Firma e Filme’, que botou a andar o ano pasado co obxectivo de impulsar a adaptación audiovisual de obras da literatura galega. A Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e a Asociación Galega de Editores (AGE) volven implicarse na organización desta iniciativa, que abre ata o 6 de abril o prazo para a recepción de propostas por parte das empresas de ambos os sectores.
Iníciase así a primeira fase do proceso, durante a que se recompilará información sobre a oferta das editoriais e os intereses das produtoras cara a valorar as posibilidades de adaptación cinematográfica ou televisiva dos textos que se presentan. As compañías interesadas en participar nesta segunda edición do programa deben remitir ao correo electrónico firmaefilme.agadic@xunta.es a ficha de inscrición que se pode descargar desde a sección de avisos do web www.agadic.gal.
No caso das editoriais, poderán presentarse aquelas que conten no seu catálogo con obras orixinais galegas, traducións ou reedicións publicadas desde 2012. O límite de propostas é de cinco títulos por empresa, tendo en conta que non se poderán achegar textos xa incluídos na primeira edición de ‘Firma e Filme’.
Pola súa banda, as produtoras han de sinalar o formato no que teñen interese en realizar as adaptacións, os xéneros preferentes (animación, acción, aventuras, bélico, biopic, ciencia ficción, comedia, drama, experimental, fantástico, musical, romántica, suspense, terror, thriller, western...) e mais o grupo de espectadores ao que queren dirixirse.
Análise e reunións executivas
A continuación, iniciarase unha fase de estudo e informe dos textos por parte dun equipo de analistas de guión, que avaliará as súas posibilidades de adaptación audiovisual. A partir desta análise e tras a posta en común coas produtoras inscritas daquelas obras literarias que mellor encaixen coa súa liña de traballo, organizarase un programa de xuntanzas executivas e bilaterais entre as empresas de ambos sectores, que terá lugar o vindeiro mes de setembro na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.