Aviso: Axudas de 2016 para o financiamento de intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares

Axudas de 2016 para o financiamento de intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar un ano máis as axudas para o financiamento de intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares, dotadas cunha contía de 50.000 euros.

Estas axudas, segundo publica o Diario Oficial de Galicia, están destinadas aos promotores particulares -ben sexan persoas físicas ou xurídicas- que realicen obras que afecten a un conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados. É requisito indispensable que a Consellería ou a figura de planeamento vixente determine a necesidade de realizar ditas intervencións, e que os controis arqueolóxicos estean debidamente autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Trátase dunha convocatoria en concorrencia non competitiva, é dicir, que serán admitidas todas as solicitudes que cumpran cos requisitos esixidos ata esgotar o crédito existente. Entre eles, as actuacións deben ser conformes aos proxectos arqueolóxicos presentados; deben estar autorizadas e realizadas desde o ano 2014 en diante e teñen que estar xa finalizadas. Ademais, é necesario acreditar a presentación e entrega dos correspondentes informes valorativos ou das memorias técnicas, entre outros.

Non obstante quedan excluídas desta orde de subvencións as actividades derivadas das medidas protectoras e correctoras establecidas nos estudios ambientais ou nas declaracións ambientais; as intervencións arqueolóxicas derivadas de obras que foron obxecto de sanción en materia de patrimonio cultural; e aquelas actuacións que xa foron indemnizadas pola Consellería a raíz dunha sentenza xudicial, ou ben xa foron subvencionadas en anteriores convocatorias, así como as executadas en bens inmobles da igrexa católica.

As solicitudes poden presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , ou ben en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros públicos legalmente establecidos.

Comparte