Aviso: Primeira quenda de adxudicacións das subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais

Primeira quenda de adxudicacións das subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a primeira quedan de adxudicacións ao abeiro da súa convocatoria de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 56, do 22 de marzo de 2016.

Son un total de 221 actuacións escénicas e musicais de formacións galegas en 10 países a través da primeira quenda de adxudicacións ao abeiro da súa convocatoria anual de subvencións ás actividades de distribución nas industrias culturais.

A través desta primeira concesión de 2016 contribúese, así mesmo, á actividade promocional desenvolvida por empresas culturais galegas en sete feiras sectoriais de música, teatro e arte contemporánea. En total, adxudicáronse xa 193.788 euros dos 420.000 cos que se dotou esta convocatoria, para a que o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 31 de agosto ou ata esgotar o orzamento reservado a cada unha das modalidades.

Este último é o caso da categoría destinada á distribución de espectáculos escénicos no territorio galego, que pechou a adxudicación dos 110.000 euros que tiña asignados e grazas á que se impulsa a posta en escena dun total de 111 funcións en 54 localidades galegas a cargo de oito compañías: Aporía Teatro, Contraproducións, Ibuprofeno Teatro, Malasombra, Producións Teatráis Excéntricas, Redrum Producciones, Talía Teatro e Tanxarina Títeres. Porén, de non existiren suficientes solicitudes no resto das modalidades, centradas nas accións exteriores e para as que se reserva unha dotación de 310.000 euros, o importe non adxudicado se poderá destinar tamén á distribución interior.

Xiras internacionais
En canto ao apoio á distribución fóra de Galicia, a través desta primeira concesión cofináncianse 110 actuacións de compañías escénicas e grupos de música galegos en diferentes localidades españolas, así como noutros nove países europeos e americanos: Bélxica, Colombia, Costa Rica, Francia, México, Perú, Portugal, Reino Unido e Suíza. No caso da música, atopamos nesta relación os concertos de Cuarteto Caramuxo en Toulouse, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Bruxelas e León, a xira suíza de Leilía e a estatal de Luar na Lubre.

No apartado de teatro, contribúese ás representacións de varios dos espectáculos de Producións Teatráis Excéntricas en toda a Península, de Lois e Paula Blanco no festival Lady Shakespeare de Londres e de Ibuprofeno Teatro no ‘Mujeres cuentan’ de Cantabria, así como ás xiras españolas de Voadora e Baobab Teatro.

Por último, en novo circo apoiase a participación de Antón Coucheiro en diferentes encontros de clown en Colombia e Perú, a xira mexicana de Pistacatro e a española de AirenoAr, mentres que en danza, as actuacións de Traspediante e Pisando Ovos en Costa Rica.

Comparte