Aviso: Convocatoria para a provisión do posto de coordinador/a do Departamento de Xestión da Agadic

Convocatoria para a provisión do posto de coordinador/a do Departamento de Xestión da Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no DOG nº 95, do 20 de maio de 2016, a resolución pola que se convoca a provisión do posto de coordinador/a do seu Departamento de Xestión, segundo as seguintes bases:

1. Obxecto da convocatoria
Constitúe o obxecto da presente convocatoria a selección para a provisión, mediante nomeamento ou contratación de persoal directivo, dun/ha
coordinador/a do Departamento de Xestión.

2. Retribución e incompatibilidades

2.1. Retribucións
As retribucións brutas anuais ascenderán a 37.397,71 euros.

2.2. Incompatibilidades
A persoa que ocupe a Coordinación do Departamento de Xestión estará sometida ao sistema de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, regulado na Lei 53/1984, do 26 de decembro.

3. Funcións do coordinador/a do Departamento de Xestión
De acordo co artigo 23 do Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, o/a coordinador/a terá as seguintes funcións:

a) Dirixir o departamento de administración e económico-financeiro da Agadic.

b) Coordinar os restantes departamentos da Axencia, así como supervisar e inspeccionar o funcionamento dos servizos, dependencias e centros adscritos da Axencia.

c) Executar as directrices emanadas da Dirección en materia de persoal.

d) Elaborar estatísticas e informes para a Dirección, referidos á xestión do centro, persoal e programacións propias da Agadic.

e) Desenvolver cantas outras funcións lle sexan especificamente encomendadas pola Dirección da Agadic.

4. Requisitos e méritos

4.1. Requisitos dos candidatos

Os aspirantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española; ou
– Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea, ou
– Ser nacional dalgún Estado no que, en virtude dos tratados internacionais asinados pola Unión Europea e ratificado por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.
– Calquera que sexa a súa nacionalidade, tamén poderán participar os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores desta idade dependentes.
– Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

b) Estar en posesión dunha titulación universitaria co nivel de licenciatura, grao ou titulación equivalente.

c) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas, ni ter sido inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

d) Ter cumprido dezaseis anos.

4.2. Méritos

a) Experiencia profesional en postos directivos desempeñados na Administración pública, no ámbito xurídico, económico, de xestión de persoal ou calquera outro ámbito que poida considerarse relacionado coas funcións que teña que desenvolver no posto que se convoca, consonte o disposto no artigo 23 do Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais.

b) Experiencia profesional en postos directivos desempeñados noutras empresas ou institucións no ámbito xurídico, económico, de xestión de persoal ou calquera doutros ámbitos que se poidan considerar relacionados coas funcións que se vaian desenvolver no posto que se convoca, consonte o disposto no artigo 23 do Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais.

c) Experiencia profesional noutros postos non directivos en tarefas xurídicas, económicas, de xestión de persoal ou calquera doutros do campo xurídico ou financeiro que se poidan considerar relacionados coas funcións que se vaian desenvolver no posto que se convoca, consonte o disposto no artigo 23 do Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais.

A acreditación dos méritos incluídos nos puntos precedentes realizarase mediante achega de informe de vida laboral expedido pola Seguridade Social, contratos de traballo e certificado de funcións desempeñadas emitido pola Administración, empresa ou institución contratante.

d) Cursos de especialización ou masters directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que se vaia desenvolver.

e) Cursos de formación e perfeccionamento: pola acreditación de asistencia a cursos de formación e perfeccionamento expedido ou homologados por organismos oficiais e directamente relacionados coas funcións propias da praza obxecto da presente convocatoria.

Todos estes méritos deben ser acreditados mediante soporte documental presentado nun documento orixinal ou copia cotexada.

A avaliación destes méritos realizarase consonte o disposto na base 8.1.

5. Presentación de solicitudes
As solicitudes, no modelo que figura como anexo II, xunto co resto da documentación sinalada, deberán presentarse no Rexistro Xeral da Axencia, sito na Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou nas oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince (15) días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Á solicitude debe xuntarse declaración xurada ou responsable do/a aspirante, de que reúne todos e cada un dos requisitos exixidos para participar neste proceso ou que está en disposición de obtelos no prazo de presentación de solicitudes, no modelo que figura como anexo III das presentes bases.

A solicitude deberán dirixirse ao director da Agadic, acompañada da seguinte documentación:

1. Un curriculum vitae completo do candidato ou candidata, así como a documentación acreditativa dos méritos que alegue e que figuran na base 4.2 da convocatoria.

6. Admisión de solicitudes
Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes de participación, por resolución da Agadic aprobaranse as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

Esta lista publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.gal) e no taboleiro de anuncios da Agadic, dispoñendo as persoas interesadas dun prazo de tres días (3) hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación, para presentar as emendas correspondentes.

Rematado o prazo anterior, ditarase resolución mediante a que se aproba a lista definitiva de aspirantes admitidos/as, publicándose na forma descrita. Esta publicación implica a desestimación das alegacións ou emendas formuladas por aqueles/as aspirantes que quedan definitivamente excluídos/as.

O feito de ser admitido non presupón o cumprimento dos requisitos para participar nesta convocatoria, que se acreditarán documentalmente como se indica na base 9 da presente convocatoria.

7. Órgano de selección (comisión de valoración)
O órgano de selección será unha comisión de valoración nomeada por resolución do director da Agadic. A comisión no seu funcionamento e actuación axustarase ás instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas por acordo do Consello de a Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

8. Procedemento selectivo

8.1. Primeira fase. Valoración de méritos

A comisión de valoración analizará e puntuará os méritos alegados e acreditados polos candidatos/as indicados na base 4.2 segundo os seguintes criterios:

a) Por acreditar a experiencia sinalada na base 4.2.a): 5 puntos por ano ata un máximo de 20 puntos. As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

b) Por acreditar a experiencia sinalada na base 4.2.b): 1 punto por ano ata un máximo de 8 puntos. As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

c) Por acreditar a experiencia sinalada na base 4.2.c): 1 puntos por ano ata un máximo de 8 puntos. As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

d) Pola posesión de cursos de especialización ou masters directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que se vaian desenvolver, 2 puntos por cada un ata un máximo de 6.

e) Pola posesión de cursos de formación e perfeccionamento especificados no punto 4.2.e), outorgaranse as seguintes puntuacións:
– Cursos de menos de 10 horas de duración: 0,30 puntos por cada un.
– Cursos de duración comprendida entre 10 e 19 horas: 0,45 puntos por cada un.
– Cursos de duración comprendida entre 20 e 49 horas: 0,75 puntos por cada un.
– Cursos de duración igual ou superior ás 50 horas: 1,5 puntos por cada un.

No suposto de que as certificacións non especifiquen o número de horas concederase a puntuación mínima. Non se puntuarán as xornadas, congresos ou similares. O máximo de puntuación por este punto será de 8 puntos.

A puntuación máxima que se pode acadar polos méritos relacionados nesta primeira fase será de 50 puntos.

Para superar esta primeira fase, será necesaria a obtención dun mínimo de 20 puntos. Os/as aspirantes que non acaden a devandita puntuación quedarán eliminados do proceso selectivo.

A puntuación acadada nesta fase publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.gal), e no taboleiro de anuncios da Agadic, concedéndose un prazo de cinco (5) días hábiles para formular as alegacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas estas alegacións publicarase listaxe coa puntuación definitiva, entendéndose desestimadas as alegacións daqueles aspirantes que non experimente variación.

8.2. Segunda fase. Entrevista

Os candidatos e candidatas que acaden as seis mellores puntuacións na fase anterior, serán convocados pola comisión a unha entrevista que poderá tratar sobre os méritos alegados, as funcións que se van desempeñar, os seus plans de actuación ao fronte do Departamento de Xestión ou sobre calquera outra cuestión que resulte relevante a xuízo da Comisión de Valoración.A duración estimada desta entrevista fíxase en vinte (20) minutos.

A entrevista terá unha valoración máxima de 5 puntos.

Para superar esta fase, deberase acadar unha puntuación mínima de 3 puntos.

O chamamento para a entrevista realizarase, polo mesmo medio sinalado para a publicación das puntuacións da fase anterior, é dicir, na páxina web da Agadic (www.agadic.gal), así como no taboleiro de anuncios da Agadic. Os candidatos e candidatas deberán acudir co seu DNI.

9. Cualificación e proposta do/a candidato/a seleccionado/a

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións acadadas nas dúas fases xa referidas.

No caso de empate na puntuación total dirimirase a favor do/a candidato/a que obtivese maior puntuación na fase da entrevista.

Publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.gal), así como no taboleiro de anuncios da Agadic, as puntuacións obtidas polos/as aspirantes que, no prazo de tres (3) días hábiles, poden formular as alegacións oportunas, que se entenderán estimadas ou desestimadas, segundo proceda, coa publicación da puntuación definitiva.

Unha vez rematada a avaliación dos aspirantes, o órgano de selección elevará a súa proposta, incluíndo, de ser posible, tres candidatas ou candidatos, ao director da Axencia, que resolverá propoñéndolle ao Consello Reitor un candidato para que adopte o correspondente acordo de contratación ou de nomeamento, segundo a candidata ou candidato proposto sexa persoal susceptible de contratación laboral ou sexa persoal funcionario. O dito acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Os candidato/a seleccionado/a deberá acreditar os requisitos para participar neste proceso sinalados na base 4.1 no prazo de cinco (5) días hábiles desde que sexa requirido. Para estes efectos achegarase orixinal ou ben copia cotexada.

De non presentar solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de ser considerado que ningún dos/as candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución do director da Agadic que se publicará no DOG.

10. Nomeamento e toma de posesión

Se o aspirante seleccionado para ocupar o posto de traballo convocado desempeñase a condición de funcionario/a público con destino definitivo noutra Administración pública, o seu nomeamento requirirá o informe favorable do departamento onde preste servizos, que se considerará favorable de non emitirse no prazo de quince días, segundo o preceptuado no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes. Unha vez tramitado o seu traslado a esta comunidade autónoma procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionado/a. Se no prazo de dous meses a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia, o/a funcionario/a seleccionado non se pode incorporar á Comunidade Autónoma, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión. Neste caso o prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles. O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento.

Se o aspirante seleccionado para ocupar o posto de traballo convocado non tivese a condición de funcionario/a público, o vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Estado de trámite: En trámite

Comparte