Aviso: Incluída no Censo do patrimonio cultural de Galicia a técnica da construción coa pedra en seco
Incluída no Censo do patrimonio cultural de Galicia a técnica da construción coa pedra en seco
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a Resolución do 31 de agosto de 2016, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se inclúe no Censo do patrimonio cultural a técnica tradicional da construción coa pedra en seco como manifestación do patrimonio cultural inmaterial.
A técnica tradicional da construción coa pedra en seco conforma, sen dúbida, un dos exemplos de técnicas, coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional e a relación das comunidades co medio para a creación da súa paisaxe. O coñecemento do material, o desenvolvemento dos procesos axeitados para a súa selección e transporte e a habilidade para a construción de estruturas estables e permanentes posúen unhas características propias e recoñecibles, ademais de posuír unha beleza estética propia do tectónico e o creativo.
Esta técnica tradicional da construción coa pedra en seco é un exemplo significativo das formas de vida tradicionais. Para os efectos de promover o estudo e a documentación da técnica e dos seus procesos, así como para colaborar na súa difusión para o público coñecemento e respecto polo traballo dos canteiros tradicionais e dos numerosos exemplos que dos seus resultados se conservan, resólvese incorporar ao Censo do patrimonio cultural a técnica tradicional da construción coa pedra en seco, tamén denominada pedra seca, cachotaría ou cantaría tradicional.