Aviso: Proposta de incoación do procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, do conxunto dos estaleiros de Casqueiro-Calragho (Moaña)

Proposta de incoación do procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, do conxunto dos estaleiros de Casqueiro-Calragho (Moaña)

A construción de embarcacións de madeira ou a carpintaría de ribeira é unha actividade tradicional dun indubidable interese cultural antropolóxico e etnolóxico.

A actividade tradicional xorde na beira do mar ou dalgún río, onde se trazan, cortan e labran as diferentes pezas que conforman a estrutura dos barcos de madeira. Ata épocas recentes o estaleiro era un lugar situado nunha praia, exenta de edificacións, agás un pequeno galpón onde se almacenaban as ferramentas e que, posteriormente, no seu proceso evolutivo se transformaron en inmobles máis sólidos que albergan todo o proceso construtivo das diferentes embarcacións.

Trátase dunha actividade cultural dotada de múltiples valores derivados das distintas tarefas, oficios e modos de vida que a integran e que, polo tanto, constitúen una boa mostra da identidade cultural dos pobos mariñeiros, cun grande risco de desaparición e perda completa do coñecemento tanto polos cambios producidos nos tipos e tecnoloxías de construción coma polas modificacións sobre os ámbitos nos que se localizan, especialmente os costeiros. A súa presenza estendeuse a toda Galicia, se ben houbo zonas onde a construción de embarcacións tradicionais tivo e ten unha enorme importancia tanto polo número de estaleiros coma polas embarcacións construídas.

Á vista do valor etnolóxico e histórico do conxunto dos estaleiros de Casqueiro e Calragho sitos na parroquia de San Martiño de Moaña no termo municipal de Moaña (Pontevedra), cómpre incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como ben inmoble coa categoría de lugar de valor etnolóxico. 

Ábrese un período de información pública por un prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas

Estado de trámite: En trámite

Comparte