Aviso: Patrimonio incoa o procedemento para declarar BIC o castro de Fazouro, en Foz

Patrimonio incoa o procedemento para declarar BIC o castro de Fazouro, en Foz

Dirección Xeral do Patrimonio Cultural acaba de incoar o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de xacemento arqueolóxico, o castro de Fazouro, en Foz. Deste xeito, o ben contará de forma inmediata e provisional co réxime de protección que establece a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para os BIC e para esta categoría en particular. A maiores, e tal e como figura na resolución publicada no DOG, o expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses.

Segundo os informes previos elaborados sobre o castro, este xacemento ten un indubidable valor histórico e arqueolóxico de carácter sobranceiro, dado que se trata dun xacemento costeiro asentado nunha pequena península que penetra no mar ao carón dunha zona acantilada que presenta escavado parte dun poboado castrexo, con estruturas visibles e musealizadas.

As escavacións das que foi obxecto deron como resultado a obtención de moita información sobre os modos de vida dos seus habitantes na época romanizada, e grazas a elas púidose encadrar entre os séculos I e III d.C., sendo esta etapa a de máis ocupación e a de maior grao de romanización. Por tanto, e tendo en conta os valores deste castro, Patrimonio propón a súa declaración singular como xacemento arqueolóxico, por estimala a figura máis acaída para o seu réxime de protección.

Todos os pormenores da resolución e características do xacemento poden consultarse no seguinte enlace web https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170308/AnuncioG0164-230217-0001_gl.html.

Comparte