Aviso: Inscrición para a 11ª edición do pitching "I+P Ideas para producir"

Inscrición para a 11ª edición do pitching "I+P Ideas para producir"

Aberto o prazo ata o 10 de outubro

O Clúster Audiovisual Galego (Clag) organiza a 11ª edición do pitching "I+P Ideas para producir" que se celebrará os días 22 e 23 de novembro en Santiago de Compostela, coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entre outras entidades.

O prazo de inscrición remata o 10 de outubro, data ata a que se poden enviar os formularios ao enderezo comunicacion@clag.es. O Clúster Audiovisual Galego comunicará a partir do día 30 de outubro os proxectos seleccionados para seren presentados no pitching.

De entre todos os proxectos recibidos, un comité de expertos seleccionará quince para realizar un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual do noso país. Posteriormente celebraranse as reunións one to one entre os responsables dos proxectos e os compradores. A xornada de Pitching terá lugar o día 23 de novembro.

O “I+P, Ideas para Producir” ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión, produtores executivos, distribuidores e responsables de vendas internacionais.

Estado de trámite: En trámite

Comparte