Aviso: Alfonso Almendros é nomeado Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2017

Alfonso Almendros é nomeado Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2017

O certame premia o seu traballo To Name of Mountain

Alfonso Almendros foi nomeado Premio Galicia de Fotografía Contemporánea co traballo To Name of Mountain, un documental ficcionado cunha linguaxe arrasadoramente contemporánea no que o autor fai unha pesquisa sobre a viaxe polas Montañas Rochosas feita en 1863 por Albert Bierstadt e o seu amigo Fitz Hugh Ludlow. Almendros equipara a dificultade de alcanzar o cumio e de poseer a montaña co amor que en segredo profesaba Bierstadt pola compañeira do seu amigo. 

Promovido polo festival Outono Fotográfico co apoio da Consellería de Cultura e Educación e da Deputación de Lugo, o certame ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Así mesmo, pretende promover a creación dun espazo fotográfico en Galicia que complemente o creado durante máis de tres décadas polo Outono Fotográfico, mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autores e de autoras tanto nacionais como estranxeiros.

O Premio consiste na produción dunha exposición e a edición dun libro, ademais da posta en valor do traballo gañador itinerando a mostra durante 3 anos e distribuíndo a publicación.

O xurado, que visualizou proxectos chegados desde varios países, estivo este ano composto por Eduarda Neves, profesora da Escola Superior Artística do Porto (ESAP,Portugal), curadora independente e escritora; Patricia Veloso, directora do festival Encontros de Agosto (Fortaleza, Brasil) e da Imagem Brasil Galería e editora na Terra da Luz Editorial; Lola Mac Dougall, directora artística do festival JaipurPhoto, directora do festival GoaPhoto e editora da Punctum Magazine; Xosé Lois Vázquez, director do festival internacional Outono Fotográfico, editor e cofundador de Difusora e fotógrafo; Vítor Nieves, curador do Outono Fotográfico, coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, coordinador de Lab_in Gallery e fotógrafo; Armando García Ferreiro, profesor de fotografía na EASD Antonio Faílde (representando á Xunta de Galicia); Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Deputación de Lugo), e exerceu como secretaria sen voto Manú Gallego (en representación do Proxecto Benito Losada).

A exposición resultante deste ensaio de Alfonso Almendros inauguraráse en decembro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede de Deputación de Lugo), no marco do festival Outono Fotográfico para logo comezar a itinerancia polas cidades galegas así como outras localidades de Portugal e de España.

Estado de trámite: Resolto

Comparte