Aviso: Apertura do prazo de inscrición para o relatorio-concerto en homenaxe a Germán Lago

Apertura do prazo de inscrición para o relatorio-concerto en homenaxe a Germán Lago

Co gallo do 50 aniversario do pasamento do músico galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria homenaxea o músico galego Germán Lago co gallo do 50 aniversario do seu pasamento coa celebración, o 4 de novembro, na Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura, dun relatorio-concerto a cargo do guitarrista e investigador Samuel Diz e do recoñecido Cuarteto Aguilar. Esta homenaxe servirá para que as persoas asistentes se acheguen aos principais fitos biográficos de Germán Lago nun relatorio do guitarrista e investigador galego Samuel Diz seguido dun concerto do Cuarteto Aguilar.

A homenaxe musical no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia comezará ás 12:00 horas con dúas pezas inéditas, “Cantigas” e “Danza Galaica”, que o compostelán Luís Taibo (1883-1967) escribiu para o Cuarteto Aguilar e das que non hai constancia de que fosen interpretadas ata este momento. Xunto a “Tango” (Danza Andaluza nº2 op.8) de Joaquín Turina (1882-1949) e “Granada” de Isaac Albéniz (1860- 1909), tamén soarán nesta homenaxe “La copla intrusa” de María Rodrigo (1888-1967), unha das compositoras máis destacadas da Xeración do 27.

Para rematar, Samuel Diz ofrecerá xunto ao Cuarteto Aguilar unha interpretación actualizada do pasadobre “Verónicas y faroles” de Germán Lago, unha obra que foi publicada e incluída en numerosos concertos dirixidos polo músico protagonista desta homenaxe.

A entrada para esta homenaxe na Biblioteca de Galicia do 4 de novembro é de balde, mais é necesaria a inscrición previa na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia: www.cidadedacultura.gal

Comparte