Aviso: Declárase ben de interese cultural a obra de Urbano Lugrís González Vista da Coruña 1669.

Declárase ben de interese cultural a obra de Urbano Lugrís González Vista da Coruña 1669.

O 21 de marzo de 2016 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural incoou o expediente para declarar ben de interese cultural a pintura mural obra de Urbano Lugrís González, sita na Rúa Real da Coruña. Esta incoación foi publicada no DOG núm. 60, do 30 de marzo de 2016 e abriuse un período de exposición pública dun mes, e con notificación aos interesados en tal incoación.

A lei do patrimonio cultural de Galicia, tanto a vixente no momento da incoación como a actual, consideran que debe concorrer o sentido favorable dos órganos consultivos sobre o valor singular dos bens. Para iso a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural solicitoulles os informes pertinentes, ao mesmo tempo que requiriu o parecer do seu persoal técnico.

Existen no expediente informes favorables para a súa declaración como ben de interese cultural, procedentes do Museo de Belas Artes da Coruña, do Museo Massó de Bueu, do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega de Belas Artes e da Universidade de Santiago de Compostela.

Todos redundan no sentido singular deste mural e no seu interese desde a perspectiva do seu valor cultural, polo que queda acreditada a significación excepcional desta obra desde o punto de vista técnico, o que aconsella que a figura de protección que lle corresponda sexa a de ben de interese cultural.

Estado de trámite: Resolto

Comparte