Aviso: Declárase ben de interese cultural o castro de Fazouro

Declárase ben de interese cultural o castro de Fazouro

O 16 de febreiro de 2017 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emitiu a resolución pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural coa categoría de xacemento arqueolóxico o castro de Fazouro, no lugar de Punta do Castro, parroquia de Santiago de Fazouro, termo municipal de Foz (Lugo), publicada no DOG núm. 47, do 8 de marzo de 2017, e abriuse un período de exposición pública dun mes, con notificación aos interesados.

O castro de Fazouro ten un indubidable valor histórico e arqueolóxico de carácter sobranceiro, xa que se trata dun xacemento costeiro asentado nunha pequena península que penetra no mar a carón dunha zona acantilada que presenta escavado parte dun poboado castrexo, con estruturas visibles e musealizadas.

As escavacións de que foi obxecto deron como resultado a obtención de moita información sobre os modos de vida dos seus habitantes na época romanizada e grazas a elas púidose encadrar entre os séculos I e III d. C., que foi a etapa de máis ocupación e de maior grao de romanización. Esta presenza romana asóciase coa chegada ao territorio por mor da súa explotación aurífera.

Por tal motivo, e unha vez que se deu cumprimento a todos os requirimentos técnicos e formais necesarios para a declaración, e non existindo ningún impedimento nin alegación ao respecto, considérase que debe seguirse coa aprobación definitiva da declaración segundo o que se establece no artigo 20 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

 

Estado de trámite: Resolto

Comparte