Aviso: I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia
I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia
As bibliotecas públicas do futuro: as bibliotecas en proceso de cambio
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Servizo de Bibliotecas, organiza a I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, que baixo o lema As bibliotecas públicas do futuro: as bibliotecas en proceso de cambio, se celebrará o venres 26 de outubro no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia. O director técnico da Biblioteca Nacional de España (BNE), José Luis Bueren Gómez-Acebo, será o encargado de pronunciar a conferencia inaugural. O encontro contará coa participación de expertos de recoñecido prestixio no ámbito bibliotecario e coa presentación de experiencias innovadoras e boas prácticas para compartir cos profesionais asistentes.
A xornada está dirixida a profesionais bibliotecarios de toda a comunidade e o prazo de inscrición estará aberto desde o 17 de setembro ás 9.30 h. no formulario habilitado nesta páxina web. A data límite para o envío das solicitudes é o 30 de setembro ás 23.59 h.
O obxectivo da iniciativa é crear un espazo de encontro entre os profesionais que desenvolven o seu traballo diario nas bibliotecas públicas de Galicia.
Con este encontro, a Secretaría Xeral de Cultura favorece a reflexión sobre os retos de futuro que se presentan no ámbito bibliotecario, ao tempo que se dan a coñecer os principais recursos e proxectos que se están a desenvolver para afrontalos. Así mesmo, quérese potenciar a función social das bibliotecas públicas e poñer de manifesto a necesidade de adaptarse aos cambios de hábitos dos novos usuarios e usuarias.
A primeira edición da xornada vaise centrar nas bibiotecas como espazos abertos á comunidade, acolledores e sociais, que provén de servizos innovadores e facilitan tamén a inovación dixital. A xornada está enfocada á participación activa dos seus protagonistas, a través dos debates e obradoiros e tamén compartindo unha experiencia real de innovación e traballo coa comunidade, a da biblioteca de Muskiz, en Bizkaia, pioneira no uso das novas tecnoloxías e comprometida coa memoria histórica do seu pobo. O seu bibliotecario, Fernando Juárez Urquijo, será o encargado de debullar polo miudo as actividades.
A Secretaría Xeral de Cultura convoca, ademais, a primeira edición do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, que ten por obxectivo recoñecer o labor das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais de Galicia que leven a cabo proxectos e boas prácticas innovadoras, de utilidade para as persoas usuarias, sostibles no tempo e achegados ao contexto local no que se insiren. O galardón está dotado cun único premio de 3000 euros e un distintivo de bibliotecas innovadora, e será entregado na I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia.