Aviso: Resolución das axudas para a publicación en lingua galega de recursos didácticos
Resolución das axudas para a publicación en lingua galega de recursos didácticos
As subvencións apoian o traballo de 8 editoriais
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 22 de agosto a resolución das axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios e da que se beneficiarán un total de oito editoriais. Este ano estas axudas están dotadas con 200.000 euros, o que supón un incremento do 18% con respecto aos anos anteriores.
As editoriais beneficiarias son Xerme Edicións, Edicións Obradoiro, Ediciones Don Bosco-Editorial Rodeira (Edebé), Edicións Xerais de Galicia, Editorial Luis Vives, Editorial Vicens Vives, Happy Family e Instituto para el Desarrollo Creativo y Cultural.
Os proxectos editoriais presentados foron valorados en función de tres parámetros: a orixinalidade da obra, súa calidade e o feito de que se trate de materiais curriculares destinados exclusivamente ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ou á formación profesional específica. No caso da orixinalidade, tiveron prioridade os traballos de creación propia, mentres que no parámetro da calidade mediuse a adecuación dos materiais didácticos ao currículo en función das actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecementos do alumnado, do tratamento dos valores democráticos, da adecuación á realidade galega, da calidade de lingua e da adaptación desta ao nivel académico do estudantado.