Aviso: Convocado o programa de Bibliotecas Escolares Solidarias 2020-21

Convocado o programa de Bibliotecas Escolares Solidarias 2020-21

Abrangue tres accións específicas: Voluntariado de Lectura-A, Voluntariado na Biblioteca escolar e Selo Biblioteca Escolar Sol

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de convocar o programa Bibliotecas Escolares Solidarias para o curso 2020-21, que se estrutura en tres accións específicas: o Voluntariado de lectura-A (para a etapa de Primaria), o Voluntariado na biblioteca escolar (dirixido a Secundaria) e o Selo Biblioteca Escolar Solidaria.

O obxectivo destas accións, ás que poderán adherirse os centros escolares públicos que o desexen, é estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado dos niveis non universitarios e as súas familias; así como avanzar na inclusión, no acceso igualitario ao coñecemento e aos recursos culturais e de aprendizaxe.

Voluntariado de lectura-A
No caso da acción Voluntariado de lectura-A, dirixida a centros que matriculan alumnado de 5º e 6º cursos de ensino primario, o obxectivo é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura, favorecendo a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre o alumnado, especialmente no ámbito cultural. Isto poderá artellarse a través de actividades de colaboración na biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro, e nas que poderán participar, así mesmo, outros sectores da comunidade educativa. Estas actividades deberán contribuír á educar ao alumnado para a solidariedade e, igualmente, poderán traballar os obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable.

Esta acción intégrase, así mesmo, como iniciativa de voluntariado nos programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O alumnado directamente implicado nas actividades programadas polos centros poderán recibir un diploma da súa colaboración como acción de voluntariado cultural, que será xestionado polo propio centro e asinado pola dirección. Os centros dispoñen de prazo ata o día 9 de decembro para inscribirse nesta acción.

Voluntariado na biblioteca escolar
Pola súa banda Voluntariado na biblioteca escolar vai dirixido a centros que imparten ensinanzas de ESO, Bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial que contan con grupos formalizados de alumnado colaborador. Esta iniciativa pretende favorecer a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre o alumnado galego, especialmente no ámbito cultural, o que poderá materializarse en actividades de colaboración na biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida ou de traballo coa información, organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro. Estas actividades deberán contribuír á educar ao alumnado para a solidariedade e poderán orientarse, así mesmo, en liña cos obxectivos da Axenda 2030.

A través da súa participación nesta iniciativa o alumnado poderá ver recoñecido o seu labor xa que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado depositará as experiencias das persoas voluntarias no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia e emitirá os diplomas de acción voluntaria correspondentes.

Selo ‘Biblioteca Escolar Solidaria’
Por outra banda, o Selo de Biblioteca Escolar Solidaria é un distintivo de calidade de traballo solidario a favor da comunidade escolar, ten como obxectivo recoñecer o labor das bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar.

Poderán optar a este selo aquelas bibliotecas que propician especificamente valores de xustiza e solidariedade, e procuran de forma destacada a compensación de desigualdades, poñendo os recursos ao servizo de toda a comunidade educativa, dando resposta ás necesidades de todo o alumnado e favorecendo o uso dos seus recursos e oportunidades con formación e con fórmulas de aproveitamento axeitadas, mediante un programa específico de medidas estruturais e sistemáticas. Os centros dispoñen de prazo ata o 10 de maio do próximo ano para presentar as memorias.

Trátase de valorar aquelas iniciativas que poñen especial atención en atender ás necesidades en materia de lectura e de acceso á información do alumnado e as familias que máis o precisan, por carecer de biblioteca familiar ou estar afastados doutros centros culturais (bibliotecas públicas municipais ou outras). Así mesmo valorarase que conten cun equipo de colaboradores formado por alumnado voluntario ou con familias voluntarias que colaboran na xestión e dinamización da biblioteca escolar. Neste curso valoraranse especialmente aquelas prácticas da biblioteca escolar relacionadas coa difusión dos Obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable.

Plan LÍA
Bibliotecas Escolares Solidarias enmárcase no Plan LÍA de Bibliotecas Escolares, que contempla entre os seus obxectivos para o período 2016-2020 o de avanzar na consecución dunha biblioteca escolar inclusiva, así como o de incentivar o uso das bibliotecas escolares por parte das comunidades educativas.

Trátase, así mesmo, de fortalecer unha das funcións máis importantes da biblioteca escolar, a de axudar a paliar as desigualdades no acceso aos recursos culturais e de acceso ao coñecemento, poñendo a disposición de todo o alumnado, independentemente da súa situación socioeconómica, todas as ferramentas precisas para avanzar na súa formación como lector crítico e como usuario e produtor de información, competencias clave na actual sociedade da información.

Balance
No pasado curso 2019/2020 participaron en Voluntariado de lectura un total de 2.638 alumnos e alumnas de primaria, e na iniciativa Voluntariado na biblioteca escolar, 1.105 alumnos e alumnas de secundaria, o que fala do alcance desta iniciativa.

Pola súa parte, foron seis os centros que recibiron o Selo Biblioteca Escolar Solidaria (CEIP Plurilingüe O Graxal, de Cambre; CEIP Plurilingüe San Marcos, de Abegondo; CEIP San Ramón, de Moeche; CEIP Pedro A. Cerviño, de Campo Lameiro; IES Universidade Laboral, de Culleredo; EEI San Roque, de Viveiro; CEIP A Pedra e CEIP Plurilingüe Montemogos, de Bueu; CEIP Plurilingüe de Chancelas, de Poio e CEIP Seis de Nadal, de Vigo.

Estado de trámite: En trámite

Comparte