Aviso: Resolución pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante 2020 ao sector das industrias culturais
Resolución pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante 2020 ao sector das industrias culturais
A través de 15 liñas de subvencións inxéctanse 5,78M€ a través de 330 empresas e entidades
O Diario Oficial de Galicia (DOG) fixo pública a relación das subvencións adxudicadas ao sector cultural galego mediante as 15 liñas de axudas que convocou en 2020 o departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Este programa anual de apoio supón unha inxección directa de máis de 5,78 millóns de euros nos ámbitos audiovisual, escénico e musical de Galicia, dándolles resposta a 449 proxectos presentados por 330 empresas, entidades locais, asociacións e creadores individuais para a produción de filmes, a organización de festivais, a posta en marcha de novos espectáculos de teatro e danza, o fomento do talento musical ou as xiras de compañías escénicas e de grupos musicais, entre outras propostas.
Trátase, así mesmo, dunha das principais vías de investimento que a Xunta canalizou en 2020 a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), xunto con circuítos, ciclos e iniciativas como a Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Música ao Vivo, Directos Xacobeo en Salas, Galicia Emerxe, FEST Galicia ou Danza 3. Na meirande parte dos casos, a pandemia motivou a súa reformulación e reforzo no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte á covid-19.