Aviso: Decreto polo que se declara ben de interese cultural a igrexa de Santa María da Atalaia, no termo municipal de Laxe (A Coruña)
Decreto polo que se declara ben de interese cultural a igrexa de Santa María da Atalaia, no termo municipal de Laxe (A Coruña)
O procedemento realizouse en menos dun ano
O Diario Oficial de Galicia publicou o luns 22 de febreiro de 2021 o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC) a igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe. Este paso supón a culminación do proceso iniciado pola Xunta de Galicia en xuño de 2020 co obxectivo de garantir a protección integral deste templo que representa un dos principais exemplos do gótico mariñeiro na Costa da Morte.
O Goberno autonómico realizou o procedemento en menos dun ano, reducindo o prazo de dúas anualidades previsto pola lei autonómica para este tipo de tramitacións, cumprindo unha vez máis o compromiso de axilizar ao máximo a xestión para seguir traballando na protección do patrimonio cultural. Ademais, o expediente BIC está avalado por un informe previo da Real Academia Galega de Belas Artes e outro do Consello da Cultura Galega. Este último propuxo unha serie de melloras que se tomaron en consideración para dar unha maior solidez á declaración.
Neste sentido, a declaración de BIC acredita o valor sobranceiro deste ben centrándose nos seus valores construtivos, a implantación na propia vila de Laxe, a relación que o inmoble mantén co mar e a paisaxe mariñeira, formando con eles un conxunto harmónico, e a súa tripla función: defensiva, civil e relixiosa, que cumpriu ao longo da súa historia. Ademais, cómpre destacar que o templo posúe un conxunto escultórico e decorativo notable, no que sobresae o retablo pétreo da Resurrección que, pola súa calidade, temática e singularidade é un exemplo sobranceiro do arte sacro en Galicia.
Así, ademais da igrexa, na declaración tamén están incluídos unha serie de bens mobles existentes no seu interior que se integran desde xa no Catalogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Trátase de 45 elementos entre os que se inclúen varias imaxes e ornamentos relixiosos, dos que destaca a Virxe da Atalaia, unha escultura datada entre o século XV e XVI. Tamén queda incluído dentro do contorno de protección todo o recinto que se atopa no interior da muralla.
Reforzo da protección
Esta actuación enmárcase na aposta do Goberno galego pola conservación do patrimonio sobranceiro e na potenciación e recoñecemento dos seus elementos claves, como recursos que sirvan de panca de cambio para un desenvolvemento sustentable. Neste sentido, a igrexa de Santa María da Atalaia forma parte así dos 746 BIC que existen en Galicia, dos cales 70 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, que facilitou a protección do patrimonio cultural cun concepto máis amplo baseado tamén nas relacións territoriais e no patrimonio inmaterial.