Aviso: Programa formativo do Centro Coreográfico Galego sobre diferentes estilos de danza, prevención de lesións e xestión cultural

Programa formativo do Centro Coreográfico Galego sobre diferentes estilos de danza, prevención de lesións e xestión cultural

O prazo de inscrición para os nove cursos estará aberto do 12 de abril ao 14 de maio

Nove cursos sobre diferentes estilos de danza, prevención de lesións e xestión cultural neste sector configuran a oferta formativa que a Xunta de Galicia desenvolverá na sede do Centro Coreográfico Galego na Coruña entre os meses de maio e outubro. Dirixido prioritariamente a profesionais e estudantes, aínda que aberto tamén a todas as persoas interesadas nesta arte, no programa teñen cabida técnicas contemporáneas, clásicas, urbanas e tap dance, para o que a unidade coreográfica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade volve contar cun profesorado integrado por recoñecidos nomes no seu ámbito.

O taller de creación de danza contemporánea Traballando desde o mapa abrirá os días 8 e 9 de maio esta nova edición dos cursos do Centro Coreográfico Galego coa bailarina e coreógrafa galega Esther Latorre, do colectivo Glovo. A artista multidisciplinar Mercé de Rande tomará o testemuño os días 15 e 16 dese mesmo mes con Choreo Toolbox. Ferramentas para a composición coreográfica, a través do que lles achegará aos participantes un amplo abano de recursos para lle dar forma ás súas propias pezas.

O día 5 de xuño será a quenda de Paula Quintas, integrante da compañía trasPediante e codirectora do festival Corpo(a)Terra de Ourense, quen impartirá no Centro Coreográfico o obradoiro Procura do movemento a través da técnica Laban.

Catro citas en xullo
A actividade formativa intensificarase no mes de xullo con outras catro citas, que darán comenzo entre os días 5 e 9 co curso de danza clásica A entrada ao mundo profesional. Con el, a profesora Carmen Paris regresa á Coruña para asesorar de maneira particularizada os participantes sobre o desenvolvemento das súas carreiras no mundo do baile.

Na semana seguinte, do 12 ao 15 de xullo, a fisioterapeuta, osteópata e exbailarina María Jesús Peces-Barba aprenderalles aos asistentes como mellorar o coñecemento do seu corpo para coidalo e potencialo a través do taller de prevención de lesións Adapt Method.

A continuación, do 19 ao 23 de xullo, terán lugar cinco clases maxistrais centradas noutros tantos estilos de danzas urbanas e dirixidas non só a bailaríns iniciados nelas, xa que a súa capacidade para mobilizar todo o corpo e aumentar o sentido do ritmo pode servir de complemento a calquera técnica de baile. Estas citas xirarán arredor do hip hop e do popping con Alba Fernández Cotelo, breaking dance con Samuel Galán, locking con Noelia López e waacking con Sabela Domínguez.

Para rematar a oferta de xullo, o especialista en tap dance John O’Brien impartirá o seu curso entre os días 26 e 30. Polas especiais características do claqué, estas clases están indicadas para todas aquelas persoas que busquen mellorar a súa habilidade, capacidade de movemento e ritmo, aplicándoo despois a calquera disciplina de baile.

Pola súa banda, os bailaríns e coreógrafos de orixe israelí Dana Raz e Sharon Fridman ofrecerán do 3 ao 5 de setembro o obradoiro de danza contemporánea Drop & Catch, mentres que o xestor, produtor e distribuidor Manu Lago pechará o programa do 1 ao 3 de outubro cun taller no que compartirá a súa experiencia nestes ámbitos con artistas e compañías emerxentes que busquen abrirse un oco na escena coreográfica actual.

Inscricións
O prazo de inscrición para os nove cursos estará aberto do 12 de abril ao 14 de maio, seguindo as instrucións que se activarán nas páxinas web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do propio Centro Coreográfico Galego. As prazas dispoñibles en cada caso habilitaranse en función da capacidade indicada polas autoridades sanitarias nas respectivas datas de celebración.

O prezos por cada un dos encontros oscilan entre os 30 e os 50 euros, con descontos para o alumnado que opte por realizar varios deles. No caso do de danza urbana, ofrécese a oportunidade de inscribirse nunha ou varias das cinco clases maxistrais programadas, cun importe de 15 euros por cada unha delas ou de 50 euros o curso completo.

Estado de trámite: En trámite

Comparte