Aviso: Resolución da adxudicación da convocatoria extraordinaria de subvencións a salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público

Resolución da adxudicación da convocatoria extraordinaria de subvencións a salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público

Contribuirase ao desenvolvemento de máis de 400 concertos nos 28 espazos beneficiarios

Publicada na web da AGADIC a adxudicación da convocatoria extraordinaria de subvencións a salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, a través da que contribuirá ao desenvolvemento de máis de 400 concertos nos 28 espazos beneficiarios. A convocatoria, cun investimento de 560.000 euros e inserida no marco do Xacobeo 2021, responde á implicación do Plan de reactivación da cultura fronte á covid-19 co obxectivo de lle achegar liquidez a este tipo de espazos, tanto para aliviar os efectos económicos do seu peche por mor das restricións aplicadas durante a pandemia, como para retomar a súa actividade.

Con tal fin, destínanse 20.000 euros a cada unha das salas subvencionadas para o desenvolvemento dun mínimo de 15 actuacións ao vivo ata o 31 de outubro como parte da programación musical do Xacobeo 2021, ademais de para asumir os custos de persoal e mantemento dos locais.

Os espazos adxudicatarios son Dux, Filomatic, Garufa Club, Inn Club, Mardi Gras e Pelícano da Coruña, A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, SalaSon de Cangas, Sala LaRoom e Sala Ruído de Ferrol, A Ventana de Laxe, Clavicémbalo, Sala JagerLounge, Sala Morango e Sala Tebras de Lugo, Sala Gatos de Melide, Café Teatro Bajo 5 e Pub Baranda do Barco de Valdeorras, Sete Flores do Carballiño, Discoteca Chanteclair de Pontecesures, Sala Guión de Pontedeume, Sala Krazy Kray e Discoteca Queen de Pontevedra, Casa das Crechas, Moon Music Club, Riquela e Sala Sónar de Santiago de Compostela e Anubis de Tui.

 

A resolución da adxudicación está dispoñible para a súa consulta na web do Departamento de Industrias Culturais da Xunta de Galicia (AGADIC).

Comparte