Axudas, subvencións e bolsas : Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas para o ano 2020
Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas para o ano 2020
As solicitudes deben presentarse a través da sede electrónica
A Xunta de Galicia abre o prazo para participar nunha das seis prazas de profesor-lector de lingua, literatura e cultura galega en seis universidades españolas e internacionais anunciada polo Diario Oficial de Galicia. Trátase dunha convocatoria pública de prazas para o ano 2020 pola que renova os lectorados nos centros das universidades de Bangor (Reino Unido), Autónoma de Barcelona, Cork (Irlanda), Kiel (Alemaña), Minho (Portugal) e Deusto, todas eles dependentes da Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos.
Os interesados nesta nova convocatoria posta en marcha co obxectivo de difundir a lingua e cultura galega fóra da comunidade poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 3 de agosto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Entre outros requisitos, as persoas interesadas en concorrer a estas seis prazas deben estar en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galega ou en Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego, ou dos graos en Lingua e Literatura Galegas, en Estudos de Galego e Español ou en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. Requírese tamén ter unha idade máxima de 35 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Ademais, as persoas aspirantes terán que defender, diante dunha comisión técnica, o proxecto didáctico que propoña aplicar no lectorado de destino, tal e como establecen as bases e os requisitos de participación das dúas convocatorias que xa se poden consultar no Portal da Lingua Galega.
A Xunta de Galicia completará esta oferta de prazas coa renovación de 14 dos seus lectorados de lingua, literatura e cultura galegas e coa convocatoria, que prevé publicar este mes, de oito prazas nos centros universitarios de Barcelona, Estremadura, Lisboa (Portugal), Madrid, Padua (Italia), Río de Xaneiro e São Paulo (Brasil).
Estado de tramite: En trámite