Axudas, subvencións e bolsas : Convocatoria para apoiar o sector do libro na edición, distribución e comercialización

Convocatoria para apoiar o sector do libro na edición, distribución e comercialización

O importe máximo adxudicado poderá alcanzar os 30.000€

A Xunta de Galicia convocou unha liña de axudas cun importe total de 200.000€ para apoiar ao sector editorial galego na edición, distribución e comercialización das publicacións realizadas no ano 2020. Segundo a orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do mércores 5 de agosto, poderán optar a estas axudas as empresas editoras que desenvolvan a súa actividade en Galicia para sufragar os gastos derivados de actividades como a tradución e corrección, revisión, maquetación, custes de preimpresión, impresión e dixitalización, accións de comercialización como campañas de márketing e publicidade en diferentes medios e canles ou gastos de distribución.

 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

 

As obras obxecto das axudas deberán estar editadas nalgún dos idiomas cooficiais de Galicia e noutras linguas e ter sido distribuídas entre o 1 de setembro do 2019 e o 31 de outubro do 2020. Ademais, entre outras características, deberán ter unha tirada mínima de 500 exemplares agás nas obras de poesía, teatro e ensaio, que será de 250, contar cun plan de distribución e comercialización, ser unha primeira edición dunha obra inédita ou ben unha obra cuxa última edición teña una antigüidade de máis de 15 anos e posuír un mínimo de 60 páxinas, agás no caso de libros infantís.

 

Os solicitantes deberán indicar a área de produción editorial de cada obra presentada. Así pois, as obras de non ficción poderán recibir unha subvención e ata 4.000€, as obras de ficción, de poesía e teatro de ata 3.000€ e no caso das publicacións dirixidas para público infantil a achega pode acadar ata 5.000€. O importe da achega ás subvencións editadas en galego incrementarase nun 20%. Cada editorial poderá solicitar axudas para un máximo de 20 libros e o importe máximo adxudicado non poderá superar os 30.000€

 

A convocatoria desta liña de subvencións ten por obxectivo apoiar e favorecer a reactivación do sector editorial galego, clave no desenvolvemento cultural da Comunidade e unha das bases do prestixio cultural de Galicia. Trátase dunha medida recollida no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico aprobado polo Goberno galego para favorecer a reactivación destas industrias tras a crise sanitaria e que recolle máis de 2,2 millóns de euros en diferentes accións para o impulso do sector do libro e as bibliotecas.

 

Do mesmo xeito, o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico, cunha dotación global de 58M€ para favorecer a recuperación destas dúas industrias tras a crise sanitaria, recolle medidas de apoio ao sector do libro por 670.000 euros e accións para o fomento da lectura e de apoio ás bibliotecas públicas por 1,6M€.

 

 

Estado de tramite: En trámite

Comparte