Axudas, subvencións e bolsas : Subvencións para o impulso do sector escénico galego

Subvencións para o impulso do sector escénico galego

En réxime de concorrencia competitiva

Diario Oficial de Galicia publicou o 26 de agosto unha nova liña de subvencións para o impulso ao sector escénico, a través da que se investirán 500.000 euros nas compañías e nas salas de exhibición para o fomento de residencias artísticas. Trátase dunha das medidas específicas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico co obxectivo de achegarlles un apoio extra ás empresas escénicas á hora para enfrontar os efectos da crise sanitaria.

Con esta convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, elévase a máis de 1,5 millóns de euros o investimento extraordinario no ámbito das artes escénicas canalizado ata o momento a través das novas iniciativas recollidas no devandito plan, entre as que tamén se atopan o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 ou o programa Cultura no Camiño +. Ao tempo e co mesmo fin de contribuír á recuperación da actividade neste ámbito, estanse a flexibilizar e adaptar as habituais convocatorias de subvencións á creación escénica, festivais, salas e distribución, así como as programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios e do Centro Dramático Galego, entre outras.

 

Tres modalidades para salas e compañías
O orzamento de 500.000 euros distribuirase entre tres modalidades de proxectos de residencias artísticas a desenvolver entre os anos 2020 e o 2021: 300.000 euros para a reactivación de espectáculos de teatro, novo circo e maxia, 100.000 euros para propostas presentadas por salas escénicas de titularidade privada e outros 100.000 euros para compañías de danza, ás que se lles dedica unha atención específica seguindo a liña doutras convocatorias de axudas e programas promovidos pola Consellería de Cultura e Turismo a través das Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Nas tres categorías subvencionarase ata o 80% do orzamento das propostas, establecéndose unha contía máxima de 40.000 euros por beneficiaria para as que presenten as salas escénicas e de 15.000 euros para as compañías.

O prazo de solicitude esténdese ata o 28 de setembro a través da sede electrónica da Xunta.

 

 

 

Estado de tramite: En trámite

Comparte