Axudas, subvencións e bolsas : Liña extraordinaria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical, no marco do Xacobeo 2021

Liña extraordinaria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical, no marco do Xacobeo 2021

Dirixida a salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria e as bases dunha liña extraordinaria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical, no marco do Xacobeo 2021, por parte de salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público. A Xunta de Galicia destina 800.000 euros a esta nova vía de apoio, a través da que busca achegarlles liquidez a este tipo de espazos tanto para enfrontar os efectos económicos do seu peche por mor das restricións aplicadas durante a pandemia, como para retomar a súa actividade en canto a situación sanitaria o permita.

A tramitación destas axudas, que se atenderán por orde cronolóxica e ata o esgotamento do crédito −ou ata o 1 de marzo, no seu caso− todos os proxectos que reúnan os requisitos esixidos. Outorgaranse ata 20.000 euros por sala adxudicataria para chegar a un mínimo de 40 en toda Galicia.

O Goberno galego recoñece con esta iniciativa o papel fundamental das salas privadas de concertos para o sector musical, tanto na súa condición de impulsoras de numerosas carreiras de solistas e grupos, como pola función de centros de dinamización cultural das súas respectivas localidades.

Poden solicitar estas subvencións todas aquelas persoas titulares ou arrendatarias dun establecemento, situado na Comunidade Autónoma e habilitado como sala de concerto, sala de festas ou café-espectáculo, de conformidade coa definición recollida no Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público (Decreto 124/2019, do 5 de setembro), ademais de como café-concerto, café categoría especial ou tablao flamenco, segundo o Decreto 292/2004, do 18 de novembro.

Mínimo de 15 concertos
Tamén é requisito ter realizado cando menos 15 concertos durante o ano 2019 e mais a presentación dunha proposta para o desenvolvemento deste mesmo mínimo de actuacións entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2021 como parte da programación musical do Xacobeo 2021.

Con esta medida extraordinaria, a Xunta actualiza o seu Plan de reactivación do sector cultural fronte á covid-19 para lle dar resposta á situación pola que atravesan os profesionais e as empresas musicais con motivo da evolución actual da pandemia, sumándose a outras iniciativas específicas para o ámbito musical xa postas en marcha, como os programas Galicia Emerxe, Directos Xacobeo’21 en Salas, o apoio aos novos formatos dos festivais da marca FEST Galicia, a flexibilización nos criterios de funcionamento da Rede Galega de Música ao Vivo ou a adaptación das axudas á distribución musical e á produción fonográfica.

Estado de tramite: En trámite

Comparte